Un accidente con catro vehículos implicados deixa a unha persoa ferida en Mos

Publicado por o día 21/07/2020 na sección de Galicia,Mos,Sucesos

Un accidente con catro vehículos implicados deixa a unha persoa ferida en Mos

Un accidente con catro vehículos implicados na A-55, ao seu paso polo municipio pontevedrés de Mos, deixou a unha persoa ferida na mañá de hoxe.

O suceso tivo lugar preto das once horas, próximo ao punto quilométrico 12. A esa hora, unha persoa particular púxose en contacto co 112 Galicia para informar do accidente. De acordo co relato da testemuña do sinistro, varios turismos colidiran mentres se desprazaban pola Autovía, dirección Vigo.

Decontado, os xestores do 112 pasaron aviso aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Bombeiros do Baixo Miño e tamén aos membros do Servizo Municipal de Emerxencias de Mos.

Unha vez no lugar dos feitos, os equipos de emerxencia confirmaron que os ocupantes dos catro vehículos atopábanse liberados e accesibles e informaron que unha persoa fora evacuada en ambulancia a unha clínica hospitalaria.

Para garantir as condicións de seguridade na vía, desde o 112 Galicia solicitouse a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local e do servizo de mantemento da vía.

Atropelo na Coruña

Por outra banda, unha persoa resultou ferida de consideración ao ser alcanzada por unha bicicleta na Avenida Fisterra, á altura do número 13.

Foi unha persoa particular quen, ás 12:00 horas deste mediodía, chamou ao 112 Galicia para dar conta dos feitos. Ao constatar que a persoa ferida atopábase inconsciente despois do impacto, contactou co 112 para pedir axuda.

Así, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, solicitouse de inmediato a intervención dos servizos sanitarios de urxencia. Para prestar apoio ao equipo médico, igualmente pasouse aviso aos Bombeiros da Coruña, axentes da Policía Local e membros de Protección Civil da localidade.

Comentar noticia

Your email address will not be published.