Un acordo entre as partes absolve a 10 acusados/as da cafetería do Meixoeiro e impón multas a tres

A CIG mobilizouse hoxe ás portas dos xulgados de Vigo coincidindo coa celebración do xuízo
Publicado por o día 09/03/2020 na sección de CIG,Galicia,Protestas,Sindicatos,Vigo

Un acordo entre as partes absolve a 10 acusados/as da cafetería do Meixoeiro e impón multas a tres

Un acordo entre acusación e defensa a proposta da Fiscalía permitiu a absolución de 10 dos 13 ex traballadores/as da cafetería do hospital Meixoeiro de Vigo aos que o propietario da empresa concesionaria lles solicitaba até 4 anos de prisión e multas de preto de 800.000 euros por danos e coaccións. Delegados/as da CIG concentráronse ás portas do xulgado en solidariedade cos acusados/as coincidindo coa celebración do xuízo.

Dende a CIG-Servizos salientan que deste xeito das 13 persoas acusadas unicamente tres foron condenadas a multas. “Non hai que esquecer que o propietario da empresa concesionaria, Oh Vigo, lles pedía nun primeiro momento até seis anos de prisión, aínda que no escrito final rebaixouse até os catro anos”. Ademais, reclamáballes unha indemnización que en total ascendía até case 800.000 euros.

Dúas das persoas condenadas son afiliadas da CIG -unha era o delegado de persoal- e a outra da UGT. As da CIG foron condenadas por un delito de coaccións a a unha multa e 540 euros cada unha delas e a dous delitos de danos que nun caso suman 305 euros e no outro 1080 euros.

Coincidindo coa primeira das tres sesións previstas do xuízo, delegados/as da central concentráronse ás portas dos xulgados en solidariedade cos afectados/as, onde despregaron unha faixa co lema “Stop represión do sindicalismo nacionalista”. Obviamente, tras o acordo alcanzado hoxe xa non se celebrarán as dúas sesións restantes, previstas para martes e mércores. Tamén fican suspendidas as mobilizacións convocadas pola CIG para esas dúas xornadas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.