Un alumno do Colexio Mariano de Vigo gaña o concurso de deseño ‘Menos bolsas, máis vida’ para concienciar sobre o uso do plástico

Un total de 120 escolares galegos participaron cos seus debuxos no certame, convocado o pasado mes de abril pola Consellería de Medio Ambiente
Publicado por o día 07/06/2019 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

Un alumno do Colexio Mariano de Vigo gaña o concurso de deseño ‘Menos bolsas, máis vida’ para concienciar sobre o uso do plástico

Un alumno do Colexio Plurilingüe Mariano de Vigo foi o gañador do concurso escolar de deseño de bolsas reutilizables convocado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en abril no marco da campaña Menos bolsas, máis vida. O xurado escolleu a proposta de Aarón Gómez, de 12 anos, de entre os 120 debuxos recibidos, valorando sobre todo a orixinalidade do deseño e a súa relación coa temática da campaña na que se enmarca, que ten por obxectivo sensibilizar á poboación sobre a necesidade de reducir o consumo actual de bolsas de plástico.

Así o explicou esta mañá en Vigo a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, quen presidiu a entrega de premios ao alumno gañador, consistente nun cheque por valor de 250 euros que deberá destinar á compra de material escolar e noutro cheque co mesmo importe dirixido ao colexio no que cursa os seus estudos.

Ademais, o debuxo escollido utilizarase para ilustrar unha tirada de 3.000 bolsas de merenda de tea que se repartirán en centros educativos de toda a comunidade. Deste xeito, tal e como explicou a responsable de Calidade Ambiental, a Xunta busca concienciar e promover hábitos máis respectuosos de consumo no noso día a día fomentando o uso de bolsas de tea reutilizables entre os máis cativos.

Certame en escolas de deseño e belas artes

Paralelamente á edición infantil do concurso de deseño de bolsas reutilizables, a Consellería de Medio Ambienta tamén convocou en abril outro certame dirixido a alumnos universitarios das ramas de Deseño, Publicidade e Belas Artes e estudantes das escolas superiores de Deseño de Galicia. As catro propostas finalistas están xa dispoñibles na web www.menosbolsas.gal, desde a que os cidadáns poderán votar polo seu deseño favorito ata o próximo 9 de xuño.

A imaxe que reciba máis apoios estamparase en 15.000 bolsas de tea con tres tamaños diferentes que repartirá gratuitamente a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda entre establecementos comerciais de toda Galicia. O gañador recibirá, ademais, 500 euros como premio en metálico e doaranse no seu nome outros 500 euros a unha ONG medioambiental da súa escolla.

Cómpre lembrar que a campaña de concienciación Menos bolsas, máis vida englóbase dentro do programa de accións de sensibilización dirixidas aos consumidores que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda está a desenvolver para fomentar a redución do uso de bolsas de plástico non biodegradables, ofrecendo á cidadanía a información e os instrumentos necesarios para que se decanten por alternativas ecolóxicas.

Esta acción vai tamén na liña das directrices do Real Decreto estatal sobre a redución do consumo de bolsas de plástico que, xunto coa directiva europea do ano 2015, busca reducir o consumo de bolsas de plástico lixeiro non biodegradable nun 80% nun prazo de 10 anos.

Para acadalo, os estados membros da UE deben tomar medidas co fin de conseguir o obxectivo de rebaixar o uso das bolsas de plástico lixeiro non biodegradable en 2019, de modo que pasemos de gastar unha media de 90 bolsas ao ano a reducir o seu consumo ata as 40 bolsas por persoa, establecido para 2025.