Un calendario 2020 para reivindicar unha Universidade libre de violencias de xénero e por razón de sexo

Mes a mes o almanaque repasa medidas, conceptos e propostas desenvoltas na institución
Publicado por o día 19/12/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Un calendario 2020 para reivindicar unha Universidade libre de violencias de xénero e por razón de sexo

Como cada ano, a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo crea un calendario que aborda diversas temáticas dende unha perspectiva de xénero. O almanaque proposto para este 2020 repasa medidas conceptos e propostas para que a Universidade se consolide como un espazo libre de violencias de xénero e por razón de sexo. Un dos seus eixos centrais é o Protocolo de actuación para a prevención e a sanción do acoso, medida posta en marcha no ano 2015 pola UVigo, seguida dunha diagnose dos datos recollidos que se publicou en 2018 e se converteu en pioneira, non só na institución viguesa, senón que en todo o país.

Os primeiros meses céntranse na definición de termos básicos pero que poden achegar certa confusión como os conceptos de acoso sexual, acoso por razón de sexo e  agresión sexual. Outras épocas do ano están dedicadas a dar a coñecer datos e porcentaxes reais do risco, tanto de acoso sexual, como de agresión sexual na UVigo, así como propostas para previr futuras agresións. O almanaque pode descargarse para a súa impresión na páxina web da universidade. Porén, a Unidade de Igualdade tamén o repartirá en formato papel.

Doce meses para repasar conceptos, analizar datos e buscar solucións

O calendario comeza en xaneiro preguntándose que é o sexismo, de onde vén e como se manifesta. Continúa en febreiro  coa análise do Protocolo de actuación para a prevención e a sanción do acoso sexual e por razón de sexo, grazas ao cal calquera persoa acosada ou que teña coñecemento dunha situación de acoso pode presentar unha denuncia por escrito nos rexistros da Universidade ou na Unidade de Igualdade. Marzo chega con outro repaso de conceptos, analizando as diferencias entre acoso sexual, acoso por razón de sexo e agresión sexual. En abril, o protagonista é o Proxecto de  diagnose da situación do acoso sexual e por razón de sexo na Universidade de Vigo, que comprende datos de denuncias e enquisas. No mes de maio, faise fincapé na análise e percepción de risco das situacións de acoso sexual nas que, segundo a diagnose, o grupo máis vulnerable é o colectivo LGTBI+, seguido das mulleres. Dá comezo o verán no mes de xuño achegando estatísticas como que a probabilidade de que as alumnas dos distintos centros sufran unha agresión sexual é dun 10,8%. No caso das profesoras e investigadoras, a probabilidade está nun 12,7 % e no das traballadoras PAS, nun 4,7 %. Xullo chega para salientar a importancia de identificar ao agresor, que na maioría dos casos é alguén do propio colectivo da persoa agredida e analizar o nivel de cousificación sexual. Agosto céntrase no castigo que sofren algunhas persoas que non reproducen a norma de xénero. Mentres alumnado e PAS sofren  as consecuencias de transgredir as normas da masculinidade, o colectivo PDI faino por romper as da feminidade. Setembro aborda as propostas, froito da diagnose para atallar distintas situacións. Outubro céntrase na necesidade de actuar e revolverse ante unha situación de acoso e non só mirar ou escoitar, mentres que novembro serve para denunciar a dobre vitimización que sofren as mulleres acosadas ou agredidas nunha sociedade patriarcal que normaliza este tipo de situacións. Finalmente chega decembro coa intención de implantar unha nova cultura da convivencia e de tolerancia cero ante a violencia na comunidade universitaria creando contornas de estudo e de traballo respectuosas para todas as persoas.