Un centenar de expertos en saúde mental e adiccións abordan no Verbum os beneficios da neuropsicoloxía fronte as drogodependencias

“Necesitamos que o modelo de Cedro pase a ser parte da sanidade pública”, apuntou Caballero na inauguración da xornada.
Publicado por o día 18/10/2019 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

Un centenar de expertos en saúde mental e adiccións abordan no Verbum os beneficios da neuropsicoloxía fronte as drogodependencias

Un centenar de expertos de toda España e norte de Portugal participan hoxe na IX Xornada sobre Neuropsicoloxía e Rehabilitación Neurocognitiva en Drogodependencias, organizada por Cedro, a Unidade Asistencial de Drogodependencias do Concello de Vigo.

Caballero lembrou a “importantísima labor” que Cedro iniciou nos anos 80 cando “fostes capaces de abrir unha senda de tratamento e de respecto no ámbito social ao voso traballo, cambiando o contexto e a forma na que hai que observar a drogodependencia”.

Vigo, apuntou o alcalde, “tivo a capacidade de adiantarse aos propios espazos da saúde pública e creou este centro, que tivo un rexeitamento social inicial pero que ao final, co voso traballo tan eficaz, recibiu a admiración de toda a sociedade”. O rexedor apuntou a necesidade de que “este modelo pase a ser parte da sanidade pública e que se lle da importancia que ten; aspectos tan importantes da saúde non poden estar marxinados e desatendidos”.

Estas novenas xornadas contan con Javier Tirapu, un dos grandes referentes internacionais no campo da neuropsicoloxía, que falou esta mañá sobre a rehabilitación das funcións executivas e da cognición social. Tamén se celebrou unha mesa redonda sobre a rehabilitación neuropsicolóxica en trastornos do espectro da esquizofrenia e un seminario sobre neuropsicoloxía aplicada a cargo de Adolfo Piñón.