Un Centro de Saúde “do século XXI” para Pereiro de Aguiar

Publicado por o día 23/01/2020 na sección de Política,PSOE

Un Centro de Saúde “do século XXI” para Pereiro de Aguiar

A deputada do Grupo Socialista, Noela Blanco, criticou a “administración chapuceira” entorno á construción do novo Centro de Saúde no concello de Pereiro de Aguiar, que “xa leva 11 anos e aínda non ten data de apertura”. Así o denunciou en Comisión de Sanidade ante o actual responsable do Sergas ao que lle reclamou melloras na atención sanitaria no actual Centro de Saúde.

Blanco criticou as numerosas demoras no proxecto que supostamente tiña que estar rematado para maio de 2019, “casualmente” coincidindo coas eleccións municipais. Finalmente non se puido “cortar a cinta” e as novas datas ofrecidas pola Xunta “volven coincidir curiosamente cun novo ciclo electoral en maio do 2020”.

A responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que inclúa o servizo de Pediatría no novo centro, e reclamou coñecer tanto as especialidades como o persoal co que contará a nova infraestrutura. O Concello carece hoxe de especialidades fundamentais como son tanto Pediatría como Fisioterapia ou Odontoloxía nun centro que tampouco conta cunha infraestrutura que facilite o acceso das persoas con mobilidade reducida.

Sinalou ademais o actual centro de saúde de Pereiro de Aguiar, que se atopa no primeiro andar do consistorio, onde “non se cubren as baixas do xa reducido persoal sanitario que actualmente consta de tres médicos de familia e dúas enfermeiras a xornada completa”.

A deputada destacou “a desastrosa xestión da equipa de goberno municipal de Pereiro” aos que acusou de “cómplices do retraso” e afirmou que unha vez rematado o centro “probablemente non se poida abrir de maneira inmediata, tal e como pasou co centro de saúde do Couto en Ourense”.

Sinalou que o caso do Concello de Pereiro de Aguiar é “único na provincia”, xa que “racha coa dinámica demográfica que hai en Ourense”. Trátase dun Concello con xente moza, onde viven máis de 6.500 persoas moitas delas familias novas que reclaman un Centro de Saúde “digno que ofreza unha atención de calidade”.

A deputada amosou a súa preocupación pola situación ante o constante incremento de poboación nova no concello que inda non sabe cando vai poder contar cun centro de saúde en condicións que cubras as súas necesidades básicas. Esta situación é un exemplo máis da “nefasta política en materia de sanidade do actual goberno galego”.

Unha herdanza positiva

Blanco lembrou que a construción do novo centro de saúde xa estaba prevista no Plan de Mellora de Atención Primaria elaborado polo goberno socialista no ano 2008. Neste sentido a deputada socialista defendeu a boa xestión do bipartito en contraste coas habituais críticas por parte dos populares.

A entrada de Feijoo no goberno galego supuxo o inicio das demoras no remate do proxecto que a día e hoxe segue sen unha data definitiva que poña fin a tantos anos de espera por parte da veciñanza de Pereiro de Aguiar.

Comentar noticia

Your email address will not be published.