Un choque en cadea deixa polo menos catro feridos en Abadín

Publicado por o día 29/10/2018 na sección de Sucesos

Un choque en cadea deixa polo menos catro feridos en Abadín

Polo menos catro persoas resultaron feridas despois de producirse unha colisión en cadea con outros tantos  vehículos implicados.

Pasados uns minutos das 18:15 horas da tarde pasada, unha persoa particular informaba ao 112 dun choque múltiple, no punto quilométrico 550 da A-8, á altura da localidade lucense de Abadín. Tras advertir da posibilidade de persoas feridas, decontado, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, púxose en alerta aos servizos sanitarios de urxencia, que confirmaron, que polo menos catro persoas precisaban asistencia sanitaria.

Así mesmo, requiriuse a intervención dos axentes de Tráfico e informouse aos Bombeiros de Vilalba.

Catro feridos en Coruña

Tamén, na Coruña, catro persoas resultaron feridas despois de colidir dous turismos que circulaban pola estrada que une Eirís e os Castros, dirección ao  Porto.  O CIAE tivo constancia do accidente, ás 20 :30 horas da noite pasada e, a partir de aí, informou aos Bombeiros da cidade e solicitou a colaboración dos axentes da Policía Local e de Protección Civil.

Ferido en Agolada

Por outra banda, no termo municipal pontevedrés da Agolada, un home resultou ferido despois de chocar co seu vehículo contra una casa. Ao fío das 00:15 horas desta madrugada un particular alertaba ao 112 Galicia dunha saída de vía dun coche contra unha casa na PO-212, en Ventosa. Aseguraba, ademais, que o condutor estaba atrapado no interior do turismo.

Foi a partir de aí, cando os xestores do 112 Galicia ademais de alertar ao 061-Urxencias Sanitarias, puxeron os feitos en coñecemento dos Bombeiros do Deza e do GES de Lalín. Do mesmo xeito, informaron da situación aos axentes de Tráfico, Policía Local e aos efectivos de Protección Civil da localidade. Tamén, o persoal da Axencia Galega de Infraestruturas foi informado polo 112 Galicia.

Unha vez no punto, os Bombeiros, indicaron que finalmente, aínda que non foi preciso o uso do material de excarceración, si axudaron á persoa a saír do interior do turismo que decontado foi evacuada polos servizos sanitarios en ambulancia.