Un cómic amosa a alumnado de Primaria a riqueza dos fondos das Cíes e o labor dos investigadores

“É unha forma ideal de divulgación científica”, encomia Caballero na presentación da publicación realizada pola Fundación CSIC e financiada desde a candidatura Cíes Patrimonio da Humanidade.
Publicado por o día 10/12/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

Un cómic amosa a alumnado de Primaria a riqueza dos fondos das Cíes e o labor dos investigadores

A candidatura de Cíes a Patrimonio da Humanidade suma unha nova ferramenta de divulgación científica para mostrar aos máis novos a riqueza e biodiversidade das illas. Trátase do cómic “El gran viaje del plancton”, realizado pola Fundación CSIC e que o concello acaba de financiar a edición impresa para alumnos de 5º e 6º de Primaria.

“É un mecanismo ideal para mostrar aos nenos en que consiste o traballo dos investigadores e a riqueza que existe nos fondos de Cíes”, afirmou Caballero, que lembrou que esta publicación forma parte do programa educativo “Planeta Cíes” -dentro da candidatura Cíes Patrimonio da Humanidade- dirixido a alumnos dos diferentes niveis educativos. “O que se aprende a esta idade permanece para sempre”, resaltou o alcalde.

Ángel F. González, responsable do proxecto EcoBioMar, do Instituto de Investigacións Mariñas, e membro do comité científico da candidatura, é o coordinador científico do cómic. “Hai anos a ciencia era máis pechada pero agora poñemos cada vez máis énfase en que todo o que facemos chegue á sociedade; este cómic é unha forma sinxela e atractiva de transmitir aos nenos todo o que ocorre na contorna de Cíes e agora podemos achegarllo non só en formato dixital senón tamén en papel”, explica o científico.

Pola súa banda, as investigadoras Lara García e Mariana N. Cueto, autoras do guión e asesoras científicas do cómic, destacaron que a idea era “explicar a enorme riqueza de especies que existe na Ría de Vigo dunha forma didáctica e alcanzable”. O seguinte paso, adiantaron, será ofrecelo tamén en galego e noutros idiomas.