Un conto para por en valor a capacidade da sociedade para crecer en situacións difíciles

IA Obra Social de ABANCA rende homenaxe aos sanitarios e a todos os colectivos que se implicaron para afrontar a situación provocada pola pandemia
Publicado por o día 14/12/2020 na sección de Cultura

Un conto para por en valor a capacidade da sociedade para crecer en situacións difíciles

Afundación, a Obra Social de ABANCA, publica hoxe o conto «Remamos xuntos», co obxectivo de poñer en valor a capacidade da sociedade para crecer en situacións difíciles. A historia, en formato audiovisual, rende homenaxe a todos os colectivos que se implicaron para afrontar a situación provocada pola pandemia: os sanitarios, os equipos de emerxencias, os profesionais da educación, as persoas de distintos ámbitos que continuaron traballando para que a actividade seguise adiante mentres estabamos na casa, coidándonos, e tamén a todos os creadores culturais que se esforzaron e esfórzanse para entreter, para manter o ánimo e acender unha luz de esperanza.

Uns meses nos que destacou especialmente tamén o labor de miles de voluntarios e voluntarias dos máis diversos ámbitos que de forma desinteresada prestaron o seu tempo e os seus coñecementos para acompañar a quen o necesitaba e manter viva a ilusión. «Remamos xuntos», dirixido a toda a sociedade, subliña o traballo desenvolvido por todos os colectivos, a nosa capacidade de resiliencia, de resistir ante as situacións difíciles, pero sobre todo quere mostrar todo o que somos capaces de lograr se estamos e traballamos unidos, remando xuntos, como a gran lección aprendida durante este ano 2020.

Trátase, tamén, dun medio a través do cal expresar a admiración e gratitude todas as persoas profesionais da docencia e o alumnado ao completo, que foron auténticos exemplos de fortaleza ante esta situación. Así, o conto distribuirase en formato audiovisual en todos os centros escolares como parte do programa de «Educación en valores» promovido pola Obra Social de ABANCA, para mostrar que a solidariedade é nosa gran fortaleza e como o final desta complicada viaxe está máis preto e chegaremos a bo porto, porque non estamos sós.

Comentar noticia

Your email address will not be published.