Un director para un centro que dará resposta aos novos retos da cuarta revolución industrial

Procedente da Tampere University (Finlandia), coordinará 200 investigadores
Publicado por o día 24/07/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Un director para un centro que dará resposta aos novos retos da cuarta revolución industrial

Como “un gran reto profesional e persoal” cualifica José Luis Martínez Lastra a súa incorporación á dirección do Cintecx, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo, xurdido a partir da agrupación estratéxica INEX e no que desenvolverán o seu labor 200 investigadoras e investigadores de 10 grupos. Cun perfil docente e investigador marcadamente internacional, Martínez Lastra centra a súa actividade no ámbito da automatización industrial na Tampere University (Finlandia), “onde conseguín que o meu grupo de investigación fose o que máis fondos europeos recibiu durante o programa marco 7 na totalidade do país”, destaca, quen durante sete anos foi o director dun máster internacional oficial na área de automática, que chegou a acadar preto de 300 solicitudes de estudantes internacionais, “e que hoxe en día é un dos mestrados máis atractivos para os estranxeiros que queren estudar en Finlandia”.

Investigador principal de numerosos proxectos internacionais de convocatorias competitivas; vicepresidente do comité técnico de Industrial Cyber-Phisical Systems; editor asociado para a IEEE Transactions on Industrial Informatics e editor técnico para a IEEE-ASME Transactions on Mechatronics e autor de máis de 151 contribucións na Web of Science (787 citas e índice h=12), son algúns dos méritos académicos e científicos de Martínez Lastra que destaca a vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, Belén Rubio. “A súa investigación internacional no ámbito da robótica e a automatización de procesos é moi relevante e así foi considerado por avaliadores externos. Ademais a súa capacidade para dirixir equipos humanos e de conectar coa industria europea, fixeron que fose o candidato idóneo e excelente para liderar o Cintecx”, sinala a vicerreitora, que lembra que a súa contratación foi resultado dunha convocatoria aberta e baseada en méritos, publicada en Euraxess.

Impact through Integration

Co obxectivo de lograr o despegue internacional do Cintecx, que considera debe ser un dos referentes europeos na investigación dos procesos sostibles no ámbito da industria 4.0, Martínez Lastra, trasladará ao novo centro o seu lema Impact through Integration (Impacto a través da integración). “Cintecx integra investigadores das escolas de Industriais, Minas e Enerxía, e Forestais coa finalidade de que os seus resultados científicos impacten na sociedade industrial galega. Ademais, o meu obxectivo é que o centro sexa o tractor para a participación en proxectos europeos da pequena e mediana empresa tecnolóxica galega”, destaca o director, que tamén aspira a que a industria vexa no centro “esa ventá única á que acudir cando necesiten investigación na área das tecnoloxías industriais”.

Belén Rubio agarda que o Cintecx acade o recoñecemento de centro singular pola Xunta de Galicia

Neste sentido, Belén Rubio tamén agarda que o centro acade o recoñecemento de centro singular pola Xunta de Galicia “pois o Cintecx está totalmente aliñado en dous dos tres retos da RIS3 Galicia, e cando menos no 70 % das prioridades marcadas nas súas liñas estratéxicas de especialización intelixente. O centro conta ademais con sete grupos de referencia competitiva e tres grupos con potencial de crecemento recoñecidos pola Xunta de Galicia, e no Sistema Galego Universitario non existe ningún outro centro nesta temática específica”, sinal. A vicerreitora tamén lembra que dentro do Programa Estatal de I+D+i hai oito retos nos que o Cintecx proporciona competencias directas e un alto valor engadido, mentres que no ámbito internacional “tamén está aliñado con moitos dos obxectivos científicos-técnicos das iniciativas europeas: FET (Future Emerging Technologies), KET (Key Enabling Technologies), Eficiencia enerxética, euROBOTICS e outros”, detalla Rubio.

Un vínculo coa Universidade de Vigo que vén de lonxe

Ademais de valorar positivamente a posibilidade de optar a unha dirección externa a súa universidade, na decisión de Martínez Lastra de presentarse ao posto en Cintecx tamén pesou o contacto que durante anos mantivo con docentes e investigadores da institución académica viguesa e que comezou “hai moitos anos a través do catedrático Perfecto Mariño”. As visitas e intercambio de alumnado entre Vigo e Finlandia xestionadas co profesor José Antonio Pérez; as inquedanzas técnicas sobre trazabilidade total nos procesos de produción da industria do automóbil compartidas co investigador Alejandro Pereira e o contacto co docente e vicepresidente da sociedade IES do IEEE, Juan José Rodríguez Andina, acreditan a relación do director do Cintecx coa Universidade de Vigo, que confirma “non era unha total descoñecida para min”.

Agora, co seu nomeamento, ábrese unha nova etapa, na que Martínez Lastra considera “vai supoñer unha grande experiencia poder compartir horas de traballo con investigadores de primeira orde, como os que conforman os grupos do centro, algúns deles con gran peso específico non só en España, senón tamén en Europa”, asegura.