Un esforzo individual e colectivo na procura da excelencia deportiva

A institución viguesa foi cuarta na clasificación xeral do medalleiro en 2018
Publicado por o día 12/09/2018 na sección de Universidade de Vigo

Un esforzo individual e colectivo na procura da excelencia deportiva

19 medallas nos Campionatos de España Universitarios e catro nos European University Games confirman que o deporte universitario vigués está a pasar por un momento moi doce. Os derradeiros meses do curso pasado foron un goteo constante de medallas nas competicións, tanto estatais como internacionais, das diferentes modalidades deportivas e ese esforzo foi recoñecido este mércores pola institución académica. O reitor. Manuel Reigosa, recibiu, felicitou e entregou un agasallo a cada un dos medallistas, tanto individuais como membros dos equipos da UVigo, que conseguiron subirse ao podio en 2018.En total, a Universidade de Vigo sumou 16 medallas individuais nos CEU, oito delas ouros, cinco pratas e tres bronces, e tres por equipos, unha de cada metal. A isto súmanse tres medallas individuais no European University Games de piragüismo e a prata por equipos nesta mesma competición. Isto supón, como explicaba o técnico de Actividades Deportivas Alexandre Sanjorge, “que sexamos a cuarta universidade no medalleiro nacional”.

O reitor da Universidade de Vigo quixo agradecerlles a todos eles “que representarades á Universidade de Vigo, e ademais con éxito, un éxito que non só se limita ás medallas, senón a todos aqueles que participan en boa lide, que fan un bo traballo e compiten con lealdade e con esforzo, estamos agradecidos a todos”. Fixo as súas felicitacións extensivas a adestradores, federacións e “aos vosos clubs, que vos ‘prestan’ para o deporte universitario”. Reigosa tamén avogou por potenciar estas seccións deportivas, porque en España “é preciso darlle un boa volta ao deporte universitario e facer algo competitivo como o que hai noutros países”. De feito, subliñou que en moitos deportes existe “un salto moi grande entre as categorías júnior e sénior e creo que o deporte universitario debería cubrir ese oco”. Entre as súas propostas para potenciar o deporte universitario, Reigosa avanzou que se está a traballar para tratar de organizar unha regata no río Lérez na que se medirían as tres universidades galegas.

O reitor, acompañado pola vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, felicitou un a un a todos e todas as deportistas e equipos e lembroulles que “o esforzo diario que facedes nos adestramentos, esa capacidade de sacrificio e de disciplina vos vai valer non só na Universidade e no deporte, senón tamén na vida”.

Palmarés completo

Polo que respecta ao taboleiro completo de medallistas individuais nos Campionatos de España Universitarios 2018, Daniel Sánchez obtivo dúas medallas de prata no CEU de natación, en 50 e 100 metros costas; Xiana Pérez, bronce en florete, no CEU de esgrima; nos CEU de atletismo Jean Marie Okutu obtivo o ouro en salto de lonxitude; Leticia Fernández, prata en 1500 metros lisos e Adrián Pérez, ouro nos 100 metros lisos; mentres nos CEU de taekwondo obtivéronse tres medallas, o ouro en -62 kg de Miryam García, o ouro de -87 kg de Iván García e a prata de Celia Tortosa en -53 kg. Nos campionatos estatais de loita, a Universidade de Vigo obtivo cinco medallas, tres delas ouros (Lydia Pérez en -63 Kg, Noelia Lalín en -75 Kg e Pablo García en -80kg), unha prata para Nerea Pampín en -63 kg e un bronce para Cristina Alves en -52 kg. Alexis Rosa acadou tamén un ouro, en -81 kg no CEU de loita mentres que o bádminton reportou unha medalla de bronce a Vigo en dobres mixtos da man de Laura Valverde e Alejandro Rivadulla.

En deportes colectivos, a Universidade viguesa obtivo tres medallas, o ouro para o equipo de loitas olímpicas feminino, a prata para o equipo de vela e o bronce para o voleibol masculino. A estes palmarés hai que sumar os metais acadados en competicións internacionais, en concreto nos European University Games en piragüismo, na que os padexeiros da Universidade obtiveron tres medallas individuais ( prata en C1-500m e bronce en C1-200m para Raquel da Costa e bronce en C1-200m para David Bonet) e a prata por equipos. Ademais, hai que engadir a participación do equipo de vela representando a España no Mundial Universitario, no que acadaron o noveno posto.