Un estreito camiño de terra de Parada convértese nunha auténtica vía de comunicación

O Concello agradece a colaboración veciñal, cedendo os terreos necesarios e colaborando coa achega de material
Publicado por o día 21/05/2018 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

Un estreito camiño de terra de Parada convértese nunha auténtica vía de comunicación

O Concello de Ponte Caldelas está a piques de rematar as obras de ampliación dun camiño interior do núcleo de Parada, que pasará de contar con apenas un metro de ancho e firme de terra, a unha sección de tres metros e pavimento de formigón.

O camiño, cun trazado de 200 metros, dá servizo a dúas vivendas e comunica unha pista asfaltada cunha corredoira tradicional. Ademais, a súa ampliación vai permitir a rehabilitación dunha vella casa de pedra, cuxo propietario xa  está a tramitar a licenza.

O Concello tamén se comprometeu ao arranxo das fochancas da pista asfaltada inmediata, obra que houbo que demorar ata o remate  do camiño.

O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) agradece a colaboración veciñal que fixo posible esta obra. A veciñanza non só cedeu os terreos necesarios para a ampliación, senón que negociou o subministro  de pedra para o necesario muro de contención a un prezo vantaxoso  e mesmo achegou parte do material. A obra está xa só pendente do formigonado final da superficie, que se fará nos próximos días.

O alcalde, Andrés Díaz, visitou esta actuación e recalcou que a obra non sería posible sen esta participación activa da xente. “Ao Concello chegaron varias persoas a pedir esta obra, pero dende o primeiro  momento vimos que sería imposible sacala adiante sen a axuda do pobo e quedamos moi gratamente sorprendidos”, “polo tanto”,  engadiu, “tamén queremos expresar o noso agradecemento”.

O núcleo de Parada conta, como moitos do rural galego, conta cunha rede de estreitos camiños polos que moitas veces é difícil transitar en coche. En Parada o problema acentúase na parte baixa do núcleo, a máis próxima ao seu val.