Un estudo de atención primaria e a universidade de Vigo sobre hipertensión é recoñecido entre os 7 mellores internacionais

Trátase do “Proxecto Hygia” que conclúe que as persoas con presión arterial alta deben tomar os medicamentos hipertensivos antes de deitarse en lugar de facelo pola mañá
Publicado por o día 30/04/2020 na sección de Galicia,Salud,Sanidad,Vigo

Un estudo de atención primaria e a universidade de Vigo sobre hipertensión é recoñecido entre os 7 mellores internacionais

O “Proxecto Hygia”, que desenvolven Atención Primaria e a Universidade de Vigo, vén de obter un dos recoñecementos internacionais máis importantes como é a designación como un dos 7 estudos de maior impacto publicados o pasado ano. Así o decidiu o comité de expertos da Sociedade Americana de Medicina Interna na súa recente reunión anual.

Desde hai varios anos, un grupo de investigadores desta Sociedade Americana fai unha valoración dos estudos publicados ao longo do ano anterior nas mellores revistas científicas.

Este comité ten que seleccionar por unanimidade os 7 estudos que poden ter maior impacto á hora de cambiar a práctica clínica en medicina interna. Este ano seleccionaron o traballo do “Proxecto Hygia” entre os sete mellores de 2019. Os últimos resultados do proxecto publicáronse o outono pasado na “European Heart Journal”, a revista de maior impacto mundial no mundo da cardioloxía

O artigo co resumo dos sete traballos vén de publicarse online en “The American Journal of Medicine”.

Inxesta dos tratamentos para hipertensión

O traballo dos investigadores vigueses centrouse nos tratamentos e diagnósticos da hipertensión e comezou hai máis de 6 anos. O obxectivo do traballo era analizar o efecto que ten o momento do día no que as persoas toman os seus medicamentos antihipertensivos sobre o risco de problemas cardiovasculares.

Á fronte do estudo están o doutor Juan Crespo, que traballa no Centro de Saúde de Bembrive e é coordinador da Unidade Compartida de Investigación de Atención Primaria, e o profesor Ramón Hermida, director do proxecto e responsable do Laboratorio de Bioinxeniería e Cronobioloxía da Universidade de Vigo.

A conclusión do estudo foi contundente: as persoas con presión arterial alta deben tomar os medicamentos hipertensivos antes de deitarse en lugar de facelo pola mañá. De feito, os pacientes que tomaban a medicación antes de durmir tiñan preto da metade do risco (unha redución do 45%) de morte por un ataque ao corazón, un infarto de miocardio, un derrame cerebral ou unha insuficiencia cardíaca ou que requira dun procedemento para desbloquear arterias estreitas (revascularización coronaria), en comparación con aqueles pacientes que tomaban a medicación no momento de erguerse.

Durante o desenvolvemento do estudo, os investigadores axustaron as súas análises para ter en conta factores que puidesen afectar aos resultados, como a idade, o sexo, a diabetes tipo 2, as enfermidades renais, o tabaquismo e os niveis de colesterol. Cando analizaron os resultados individuais, atopáronse con que o risco de morte por problemas cardiovasculares reducírase nun 66%, o risco dun infarto de miocardio nun 44%, a revascularización coronaria nun 40%, os fallos cardíacos nun 42% e o risco dun derrame cerebral nun 49%.

Máis de 19.000 pacientes

Na investigación do “Proxecto Hygia” interviñeron 292 facultativos do Sergas, a maioría da Área Sanitaria de Vigo, e implicáronse 40 centros de saúde.

A poboación sobre a que se realizou o traballo superou os 19.000 pacientes durante o período do estudo. Foron 10.614 homes e 8.470 mulleres, todos eles diagnosticados como hipertensos con criterios de monitorización ambulatoria, que tomaron a medicación antes de deitarse ou ao levantarse e aos que se seguiu de preto durante un longo período (unha media de 6,3 anos entre 2008 e 2018).