Un estudo de FACUA revela que a factura da luz subiu un 78% en só 15 anos

O usuario medio pagou 522 euros en 2003, fronte aos 926 que abonou o ano pasado, o segundo máis caro da historia
Por o 06/02/2019 | Sección: FACUA,Social
Un estudo de FACUA revela que a factura da luz subiu un 78% en só 15 anos
Compartir en:
Un estudo de FACUA-Consumidores en Acción revela que a factura da luz subiu un 77,5% en só 15 anos. O usuario medio con tarifa regulada pagou 522 euros en 2003, fronte aos 926 euros que abonou o ano pasado.
 
A análise de FACUA pon de manifesto que un usuario cun consumo de 366 kWh mensuais e unha potencia contratada de 4,4 kW pagou en 2018 nada menos que 404 euros máis que 15 anos atrás. O perfil de consumidor medio utilizado para realizar a comparativa é o que arroxa un estudo da asociación sobre máis de 50.000 facturas de vivendas ocupadas.
 
Así, fronte aos 43,47 euros de media mensual que representou a factura eléctrica en 2013 para o usuario medio, o ano pasado ascendeu a 77,18 euros.
 

2018, segundo ano máis caro da historia

 
2018 foi o segundo ano máis caro da historia. O primeiro, 2012, cando o recibo anual supuxo 958,41 euros (79,87 euros de media mensual). En terceiro lugar, 2013, cunha factura anual de 923,14 euros (76,93 euros de media ao mes).
 
En 2018, os usuarios sufriron tres das cinco facturas eléctricas mensuais máis caras a nivel histórico. As análises de FACUA poñen de manifesto que o recibo máis elevado foi o correspondente ás tarifas vixentes durante todo o primeiro trimestre de 2012, cando se situou en 88,66 euros para o usuario medio (tras a corrección da tarifa fixada polo Goberno por unha sentenza do Tribunal Supremo). Tras el, os 87,81 euros de xaneiro de 2017 e os 83,55 euros de setembro de 2018. A cuarta factura máis elevada representou 81,18 euros, correspondente ás tarifas de xullo de 2015 e a quinta 80,73 euros, de agosto de 2018.
 
O ano no que os usuarios sufriron a maior subida foi 2011, cando o incremento representou o 18,2% con respecto ao exercicio anterior. O segundo incremento máis acusado foi o de 2009, do 11,4%, seguido do de 2017, do 10,7%. Ao longo destes 15 anos, só en tres producíronse baixadas en relación ao anterior: 2013, do 3,7%, 2014, do 5,3%, e 2016, do 11,1%.
 

O termo fixo da factura subiu un 153%

 
O termo fixo da factura, a potencia contratada, subiu un 152,8% en 15 anos. Pasou dos 1,73 euros por kW mensuais (impostos incluídos e redondeando a dous decimais) de 2003 aos 4,36 euros/ kW/mes vixentes desde xaneiro de 2017 ata a actualidade. En 2008 estivo en 1,99 euros/ kW/mes e en 2013 o prezo medio foi de 3,05 euros/ kW/mes.
 
O incremento da enerxía consumida foi do 61,6%. O kWh estaba en 9,80 céntimos en 2003, mentres que o seu prezo medio en 2018 foi de 15,84 céntimos. En 2008 estivo nunha media de 12,24 céntimos, mentres que en 2013 a media foi de 17,50 céntimos.
 

As demandas de FACUA

 
FACUA vén reivindicando ao Goberno unha serie de medidas para reducir a factura da luz. Unha delas é baixar o IVE da electricidade ao 4%, que o ano pasado habería aforrado ao usuario medio 130 euros. Antes de impostos, este usuario pagou 728,15 euros. O IVE do 21% vixente na actualidade e o imposto sobre a electricidade suman un 27,19% de incremento na factura, situándoa en 926,16 euros en 2018. Co IVE ao 4%, a suma dos impostos indirectos representaría o 9,32%, co que a contía baixaría a 796,01 euros.
 
Así o pon de manifesto a análise da asociación tomando como referencia as tarifas do ano pasado coa aplicación dos impostos indirectos vixentes na actualidade e a baixada de case 18 puntos porcentuais que representaría a aplicación do IVE superreducido.
 
A principal medida proposta por FACUA é a creación dunha tarifa regulada para todas as familias que non superen os 10 kW de potencia contratada e determinados límites de consumo. A análise realizada polo equipo xurídico da asociación pon de manifesto que co debido desenvolvemento normativo, esta fórmula non implicaría contradicións coa lexislación comunitaria. Os desproporcionados prezos da luz, a ausencia de competencia no sector e a situación económica das familias españolas xustifican o establecemento dunha tarifa fixada polo Goberno para protexer aos consumidores.
 
A asociación advirte de que o bono social do Goberno de Rajoy foi un fracaso aínda maior que o que se aprobou durante a etapa socialista de Zapatero. Neste sentido, os leves cambios inroducidos polo Executivo de Pedro Sánchez seguen sen garantir descontos significativos e mantén uns niveis de renda excesivamente baixos para acceder a el -salvo ás familias numerosas, que poden beneficiarse todas-.
 

A factura da luz nos últimos 15 anos

 
Esta foi a factura eléctrica do usuario medio (366 kWh de consumo e 4,4 kW de potencia) coa tarifa semirregulada entre 2003 e 2018. Os datos ofrécense cos impostos indirectos incluídos.
 
2003: 521,64 euros (media mensual, 43,47 euros)
 
2004: 529,32 euros (media mensual, 44,11 euros) +1,5%
 
2005: 538,56 euros (media mensual, 44,88 euros) +1,7%
 
2006: 564,96 euros (media mensual, 47,08 euros) +4,9%
 
2007: 583,08 euros (media mensual, 48,59 euros) +3,2%
 
2008: 633,00 euros (media mensual, 52,75 euros) +8,6%
 
2009: 704,88 euros (media mensual, 58,74 euros) +11,4%
 
2010: 757,80 euros (media mensual, 63,15 euros) +7,5%
 
2011: 895,71 euros (media mensual, 74,64 euros) +18,2%
 
2012: 958,41 euros (media mensual, 79,87 euros) +7,0%
 
2013: 923,14 euros (media mensual, 76,93 euros) -3,7%
 
2014: 874,03 euros (media mensual, 72,84 euros) -5,3%
 
2015: 920,76 euros (media mensual, 76,73 euros) +5,3%
 
2016: 818,40 euros (media mensual, 68,20 euros) -11,1%
 
2017: 906,24 euros (media mensual, 75,52 euros) +10,7%
 
2018: 926,16 euros (media mensual, 77,18 euros) +2,2%

Comentar noticia

Your email address will not be published.