Un estudo porá en cifras a realidade e as potencialidades do Polígono de San Cibrao

O traballo está coordinado polo profesor Andrés Mazaira
Publicado por o día 06/09/2018 na sección de Universidade de Vigo

Un estudo porá en cifras a realidade e as potencialidades do Polígono de San Cibrao

Pór en cifras a realidade e as potencialidades de futuro do Polígono de San Cibrao. Con este obxectivo un grupo de investigación da Universidade de Vigo liderado polo profesor Andrés Mazaira está a realizar un estudo que foi presentado este xoves na sede da asociación de empresarios deste polígono. A iniciativa é froito da colaboración institucional entre a Universidade, a Deputación de Ourense e a Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao.

O acto, que tivo lugar na sala de xuntas da asociación empresarial, contou coa participación de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Mª Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense; José Mª Martín, vicerreitor de Economía; José Luis Míguez, vicerreitor de Planificación e Sostibilidade; Mª Belén Rubio, vicerreitora de Investigación; Mª Consuelo Pérez, vicerreitora de Transferencia; Elías Mera, presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, e Manuel Baltar, presidente da Deputación Provincial de Ourense, ademais doutros membros tanto da comunidade universitaria como da entidade empresarial.

Os representantes das tres entidades implicadas no proxecto coincidiron en salientar a importancia da colaboración entre elas co obxectivo último de contribuír ao desenvolvemento socioeconómico da provincia. “Temos a obriga moral e ata legar de devolverlle á sociedade o que a sociedade lle dá á Universidade”, subliñou o reitor, que fixo fincapé na intención do seu equipo de goberno de dar un novo impulso á colaboración da institución académica co tecido empresarial e económico. O estudo posto en marcha, recalcou Elías Mera, permitirá á entidade que preside “pór ao día a nosa realidade” e “avanzar en novos proxectos e oportunidades”. Pola súa banda, Manuel Baltar subliñou como a idea de pór en marcha esta iniciativa naceu no marco do Observatorio Económico Ourensán, no que tamén participan estas tres entidades, e como os seus resultados “serán decisivos” para afrontar o futuro deste polígono industrial.

40.000 datos

Segundo explicou Andrés Mazaira, o estudo está a ser desenvolvido por investigadores e investigadoras do Departamento de Organización de Empresas e Márketing da Universidade de Vigo, estando tamén presentes no acto Ana Gueimonde e Isabel Diéguez. Nun contexto europeo de aposta por un renacemento industrial, o profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense recalcou como este traballo pretende ser un “instrumento útil” tanto para as empresas, como para a asociación que as agrupa como para os axentes socioeconómicos.

Sobre o estudo, o seu responsable indicou que se basea en datos secundarios, obtidos de fontes como o Parque Tecnolóxico de Galicia, o Concello de San Cibrao das Viñas, a propia asociación empresarial e os institutos oficiais de estatística, e sobre todo en datos primarios obtidos dunha enquisa realizada durante os meses de xuño e xullo ás empresas do polígono, enquisa na que participaron 338 empresas de 185 actividades económicas diferentes. Esta enquisa, apuntou Mazaira, abrangueu 56 indicadores das áreas de negocio, confianza empresarial, transformación dixital e valoración. Actualmente en fase de análise dos 40.000 datos obtidos no traballo realizado ata o de agora, desde o grupo de investigación que está a realizar o estudo sinalan como algunha das claves de futuro que se albiscan  a creación de emprego feminino de calidade e o reto dixital. Os datos do estudo serán presentados en outubro.

Expectativas para un novo curso académico

A preguntas das e dos xornalistas presentes, ao remate do acto o reitor da Universidade de Vigo fixo unha primeira valoración sobre o inminente inicio do curso académico 2018/2019 no campus de Ourense. Manuel Reigosa salientou a súa satisfacción polos datos de matrícula que están acadando as titulacións deste campus, sinalando como, a falta do alumnado do último chamamento de matrícula e do que supere as probas de acceso que se realizarán en setembro, “temos uns datos de matrícula bastante aceptables, próximos ao 85%”. Sobre o novo edificio do Campus da Auga, o responsable da institución académica recalcou que se agarda cumprir o compromiso adquirido e “o día 15 de decembro estar todo en situación de ser utilizado desde o punto de vista tanto docente como investigador”. Por último, respecto á Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, Manuel Reigosa indicou os avances acadados na contratación de profesorado para este centro e adiantou como “estamos facendo o estudo para dotar dun edificio específico a esta titulación porque cremos que é unha titulación bandeira que non pode estar espallada polo campus”. Neste senso sinalou como “xa presentei na consellaría esta necesidade e a acollida foi moi boa”.