Un estudo saca á luz a biodiversidade oculta nas covas viguesas do Folón

Identificáronse 115 especies de artrópodos, varios deles nunca detectados en Galicia
Publicado por o día 22/01/2021 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Un estudo saca á luz a biodiversidade oculta nas covas viguesas do Folón

Na parroquia viguesa de Coruxo atópase o conxunto de cavidades do Folón, unha das covas graníticas coñecidas máis grandes do mundo, con máis de 900 metros de galerías que constitúen un ecosistema único que alberga unha ampla diversidade de especies. Así o comprobaron o catedrático da Escola de Enxeñaría Forestal Adolfo Cordero e o egresado deste centro do campus pontevedrés Adrián Moreira nas 18 visitas que realizaron ao interior das cavernas, que lles permitiron identificar 115 especies distintas de artrópodos, varias delas non detectadas previamente en Galicia. Os resultados desta investigación, iniciada hai catro anos como o traballo de fin de grao de Moreira, reúnense agora nun dos capítulos do libro 40 años sin Félix que a Sociedade Entomolóxica Aragonesa dedica ao naturalista e divulgador Félix Rodríguez de la Fuente, no que presentan a primeira listaxe da fauna presente no Folón.

Nas visitas que realizaron entre 2016 e 2020, Cordero e Moreira recolleron, a través da mostraxe manual e do uso de trampas, un total de 171 espécimes de artrópodos, insectos na súa gran maioría. Coa colaboración de expertos e expertas de diferentes universidades, conseguíronse identificar ata xénero 141 destes espécimes e definir a especie de 115. Con máis de 900 metros de galerías, polas que circula o arroio de A Rega, as cavidades do Folón, que permiten descender 34 metros, caracterízanse pola súa “estabilidade térmica e elevada humidade”, así como polas numerosas cavidades, poros e fisuras que fan posible o acceso dos artrópodos. “Imaxinabamos que tiña que haber especies non coñecidas previamente en Galicia, porque aquí temos moi poucas covas”, salienta Cordero que destaca que O Folón constitúe un “sistema de cavernas moi peculiar”, no que atoparon “numerosas especies” respecto das que non existían referencias previas sobre a súa presenza en Galicia ou na provincia de Pontevedra. De feito, como recolle o artigo, “a fauna das cavernas graníticas está pouco estudada”, en boa medida, porque, a excepción de casos como o do Folón, “as cavidades soen ser de pequeno tamaño”.

Especies non detectadas previamente

Dentro das especies incluídas nesta listaxe e das que previamente non existían referencias da súa presenza en Galicia, “un dos achados de maior interese”, sinalan os autores do estudo, é o do platidésmido Dolistenus iberoalbus, xa que se trata dunha especie “descrita recentemente”, dun xénero que conta “con tan só catro especies ibéricas, dúas das cales se atopan en Galicia”. Tamén destaca a presenza do cempés Lithobius schubarti, unha especie que ata o de agora non se detectara fóra da cordilleira cantábrica, da que se consideraba endémica. Dentro dos arácnidos, Moreira e Cordero atoparon por primeira vez en Galicia varios espécimes de Meta menardi, “unha especie de ampla distribución en Europa, Turquía e Irán”.

Asemade, o estudo permitiu rexistrar por primeira vez a presenza na provincia de Pontevedra de especies como o cempés Lithobius validus, do opilión Nemastomella dentipatellae ou da Stenophylas sequax, pertencente á orde das Trichoptera, común en Galicia. Así mesmo, dentro dos insectos, as cinco especies de escarabellos da familia Staphylinidae atopadas tamén se citan por primeira vez en Pontevedra, “o que evidencia a falla de estudos previos sobre este grupo”, sinalan.

Por outra banda, entre as especies máis comúns nas covas destaca a presenza do díptero Limonia nubeculosa, que “aparentemente completa o seu ciclo vital no interior das cavidades aínda que é máis ben unha especie forestal” e que foi “sen dúbida a especie máis abondosa de todos os invertebrados atopados no Folón”. Os insectos, con 78 exemplares pertencentes a sete ordes, foron a clase representada en maior medida nas covas. Entre os grupos de artrópodos mellor representados atópanse, así mesmo, os miriápodos Chilopoda Diplopoda. Máis aló dos espécimes analizados, o artigo tamén sinala a presenza doutros animais nas covas, como exemplares de sapo común, de ra ibérica e de dúas especies de morcegos.

Un espazo que precisa protección e maior estudo

As covas do Folón constitúen pois, un “ecosistema moi interesante”, como salienta Cordero, a pesares de non atoparse nelas ningunha especie endémica, algo “habitual neste tipo de covas”, segundo sinalan no artigo. Non obstante, os espécimes atopados do colémbolo Pseudosinella “están en estudo por se puideran corresponder a unha nova especie”, sinalan os autores deste traballo. “Nas zonas máis profundas das cavernas”, Moreira e Cordero observaron numerosos individuos deste xénero, que “ten numerosas especies cavernícolas e de alta endemicidade”, motivo polo que inciden en que este estudo “debería ter continuación no futuro”, apuntando tamén que “é moi posible que o listado de taxons presentado neste traballo” sexa unha subestimación da “riqueza global” do ecosistema que albergan as covas.

O traballo pon tamén énfase en que “este singular sistema subterráneo non goza de ningunha protección, polo que existe risco de deterioro”. De feito, no interior das covas obsérvanse “varios impactos” derivados da actividade humana, desde a presenza de pintadas ou lixo á aparición entre os espécimes capturados dun exemplar do milpés Oxidus gracilis, unha “especie exótica invasora, moi ligada á actividade humana”. Ao mesmo tempo, os autores do estudo poñen tamén o acento na presenza, a dous quilómetros das covas, dunha canteira de granito, xa que o uso de dinamita para a extracción de bloques para a construción “pode comprometer seriamente a conservación das cavernas”, á vez que sinalan aos lumes forestais, como os ocorridos na zona en 2017, como un “risco potencial de dano a estes sistemas”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.