Un home de 45 anos, terceira vítima en Galicia do coronavirus

A vítima contaba con patoloxías previas e estaba ingresado no CHUAC da Coruña | Galicia contabiliza nestes momentos 239 contaxios
Publicado por o día 16/03/2020 na sección de Sucesos,Galicia

Un home de 45 anos, terceira vítima en Galicia do coronavirus

Un home faleceu infectado por coronavirus no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), informa este luns a Consellería de Sanidade.

Trátase da terceira vítima mortal en Galicia pola pandemia de coronavirus, despois da morte dun ancián de 81 anos con varias patoloxías en Pontevedra, un caso importado que dera positivo, e dunha  nonaxenaria tamén con coronavirus e “múltiples patoloxías” en Vigo.

O Xervizo Galego de Saúde ten á disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal, na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización de hoxe, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 239, deles 80 son da área da Coruña, 16 da de Lugo, 28 da de Ourense, 26 da de Pontevedra, 46 da área de Vigo, 37 da de Santiago, e 6 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 9 permanecen en UCI, 49 están en unidades de hospitalización e 181 no domicilio. Por outra banda, rexistráronxe xa as 4 primeiras altas de pacientes, no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña; e tres falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.680.

Seguindo instruccións do protocolo de comunicación do Ministerio de Sanidade, a partir de hoxe só se actualizarán os datos unha vez ao día.

Sanidade reitera que seguimos alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do vírus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.