Un home falece despois de caer da moto na que circulaba no Saviñao

Publicado por o día 02/09/2019 na sección de Sucesos

Un home falece despois de caer da moto na que circulaba no Saviñao

O condutor dunha moto perdeu a vida esta mañá ao caer do vehículo no que viaxaba no Saviñao, concretamente na parroquia de Marrube, ao fío das 8:30 horas.

Varias persoas particulares contactaron co 112 Galicia para alertar do sucedido.

Acto seguido, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, de Protección Civil da localidade e dos Bombeiros de Chantada.

Unha vez no lugar do accidente, os servizos sanitarios tan só puideron confirmar o falecemento do home.

Saída de vía
Unha saída de vía ocorrida a pasada noite na Guarda saldouse con dúas persoas feridas. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, unha delas tivo que ser excarcerada polos servizos de emerxencia ao quedar atrapada no interior do coche accidentado.

O sinistro produciuse uns minutos antes das 00:25 horas na rúa Diego Antonio González.

O 112 Galicia recibiu a alerta do accidente a través do GES da localidade e, a partir de aí, desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, á Policía Local, á Garda Civil de Tráfico e aos Bombeiros do Porriño.

Atropelo
Por outra banda, en Pontevedra,  unha persoa resultou ferida ao ser atropelada na rúa Alemaña, na parroquia de Mourente.

Ocorreu uns minutos antes das 22:25 horas e, nada máis recibir a alerta a través dos servizos sanitarios, os xestores do CIAE 112 Galicia puxeron os feitos en coñecemento dos Bombeiros de Pontevedra, da Policía Local e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da cidade.