Un Iberconsa sen puntería e lastrado pola arbitraxe cae no Memorial Pablo Beiro ante un Bidaideak máis afinado

Publicado por o día 14/10/2019 na sección de Deporte Adaptado,Deportes,Galicia,Vigo

Un Iberconsa sen puntería e lastrado pola arbitraxe cae no Memorial Pablo Beiro ante un Bidaideak máis afinado

O conxunto de César Iglesias non puido pechar a pretemporada como lle gustase. En parte polos seus propios erros nos lanzamentos – numerosísimos- e en boa medida tamén debido á actuación dos colexiados, os vigueses Jorge Marqués e Patricia Díez, excesivamente rigorosos en moitas das súas decisións cos locais, expulsando ao británico Lewis Edwards mediado o segundo cuarto por dúas faltas antideportivas e ao seu compatriota Sam Mack a falta de cinco minutos, propiciando que o Iberconsa Amfiv tivese que acabar o partido con só catro xogadores sobre a pista. Unhas decisións que marcaron decisivamente o devir do encontro e enturbaron unha edición do Trofeo Cidade de Vigo – Memorial Pablo Beiro que, de todas as maneiras, levou con xustiza e merecemento un Bidaideak Bilbao que, a pesar de non contar aínda co seu persoal ao completo, mostrouse moito máis atinado nos lanzamentos e afinado no seu xogo a unha semana do inicio da tempada na División de Honra de BSR. Iso si, Edwards e Mack xa saben como llas gastan os árbitros vigueses, moi rigorosos co equipo local para que ninguén poida acusalos nunca de “caseiros”.

Desde o inicio do choque quedou claro que o Iberconsa Amfiv non estaba cómodo. E iso que empezou mandando no marcador cunha canastra de Agustín Alejos. Pero durante os sete minutos posteriores non foi capaz de volver a encestar e os fallos nos lanzamentos sucedíanse mentres o Bidaideak aproveitaba para abrir oco (2-12, min.7). Guiados por un inspirado Asier García, os bilbaínos anotaban con fluidez e facilidade, todo o contrario que os vigueses. Por iso, o 8-23 co que se pechou este primeiro parcial facía xustiza ao que se estaba vendo sobre a pista.

A situación non melloraba para os locais no segundo cuarto, no que continuaban os problemas para engadir puntos á súa marcadora dos locais e, así, un triplo de Asier García despois dun tempo morto de César Iglesias establecía a máxima diferenza ata ese momento para os visitantes (15-32, min.16). O Iberconsa ameazaba con reaccionar con dúas canastras consecutivas de Envó e Edwards pero o intento viuse abortado de raíz ao ser sancionado o británico coa súa segunda rigorosa falta antideportiva –a primeira habíanlla sinalado transcorridos apenas tres minutos do choque-, polo que foi expulsado. Esta decisión arbitral provocaba que César Iglesias vísese limitado xa unicamente ao quinteto formado por Envó, Sandoval, Alejos, Cronau e Mack sen poder afinar o resto de combinacións para o inminente inicio ligueiro.

Pese ao indubidable golpe anímico, o Iberconsa Amfiv apelou ao orgullo e conseguía minimizar os danos ao intermedio (24-35, min.30). O empuxón anímico mantívose no comezo do terceiro período e permitiu aos locais pensar mesmo con engancharse de novo ao partido (32-39, min.25). Pero un parcial de 2-10, con dous tiples case consecutivos de Mouriz, poñían as cousas moi costa arriba con só xa dez minutos por disputarse (34-49, min.30).

E a remontada xa se volveu imposible cando o británico Sam Mack era castigado coa súa quinta falta persoal mediado o último período, provocando que o conxunto de César Iglesias tivese que afrontar case cinco minutos cun xogador menos sobre a pista ao non poder entrar na súa substitución Julio Vilas para non superar os 14,5 puntos entre os xogadores que estaban na cancha. Así, a recta final do choque converteuse nun mero trámite para confirmar a vitoria do Bidaideak, que levou a Bilbao esta cuarta edición do Memorial Pablo Beiro, mentres que os xogadores do Iberconsa Amfiv terán que afinar as súas bonecas para recibir o próxima sábado en Bouzas (18.00 horas) ao BSR Ace Gran Canaria no primeiro partido da tempada na División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas.

IBERCONSA AMFIV – BIDAIDEAK BILBAO 44-64

IBERCONSA AMFIV: Agustín Alejos (19), Shelley Cronau (-), Salvador Sandoval (6), Julio Vilas (2), Lewis Edwards (6) –cinco inicial-, Sam Mack (1) y Lorenzo Envó (10).

BIDAIDEAK BILBAO: Jannik Blair (5), Asier García (21), David Mouriz (21), Txema Avendaño (4), Manu Lorenzo (6) –cinco inicial-, Luis Jasso (5) e Ihab Etalib (2)

PARCIALES: 8-23, 24-35 (descanso), 34-49 y 44-64 (final).

ÁRBITRO: Jorge Marqués y Patricia Díez. Eliminaron por dos faltas antideportivas al jugador del Iberconsa Amfiv Lewis Edwards (min.17) y por cinco faltas personales al local Sam Mack (min.35) y al visitante Luis Jasso (min.39).

INCIDENCIAS: Partido correspondente ao Trofeo Cidade de Vigo – IV Memorial Pablo Beiro, disputado no Pavillón Pablo Beiro de Bouzas. Ao termo do encontro e durante a entrega de premios, o club vigués entregou unha placa en recoñecemento aos éxitos conseguidos este verán coa selección española –medalla de prata no Campionato de Europa e clasificación para os Xogos de Tokyo 2020- ao seu capitán Agustín Alejos e a David Mouriz, Txema Avendaño e Manu Lorenzo, xogadores do Bidaideak Bilbao pero que no seu momento, e con Pablo Beiro como presidente, defenderon tamén a camiseta do Iberconsa Amfiv.

Comentar noticia

Your email address will not be published.