Un incendio arrasa un taller de reparación de embarcacións en Moaña sen causar danos persoais

Publicado por o día 20/09/2018 na sección de Galicia,Moaña,Sucesos

Un incendio arrasa un taller de reparación de embarcacións en Moaña sen causar danos persoais

Os servizos de emerxencia sufocaron o incendio que arrasou un taller de reparación de embarcación en Paradela (Moaña) sen que se rexistrasen danos persoais.

Ademais, o lume estendeuse ás instalacións superiores, empregadas polos donos do taller como oficinas e vivenda.

Os veciños, sorprendidos polas lapas, chamaron ao 112 Galicia cando pasaban das catro desta madrugada. A partir de aí, activouse un operativo que abriron os Bombeiros do Morrazo e ao que se foron sumando os efectivos dos parques de Vigo e do Porriño. Durante unhas catro horas traballaron para sufocar o lume, que alcanzou unha forte carga térmica debido ao tipo de materiais que se almacenaban no taller, isto é, disolventes e outros produtos necesarios para a reparación e mantemento de embarcacións de poliéster.

De feito, un retén continúa no lugar co fin de asegurar a completa extinción do incendio, aínda que, segundo indican os efectivos de emerxencias, o lume está sufocado no soto, na planta baixa e na primeira planta. Deste xeito, arestora, controlan e refrixeran algún punto de calor remanente.