Un incendio calcina dúas zonas dunha nave en Vigo

Publicado por o día 19/07/2020 na sección de Galicia,Sucesos,Tomiño,Vigo,Vilagarcia

Un incendio calcina dúas zonas dunha nave en Vigo

Un incendio declarado esta madrugada na parroquia de Navia, en Vigo, arrasou dúas zonas dunha nave industrial adicada a xestión de residuos, sen que se rexistrasen danos persoais. Os servizos de emerxencias traballaron na súa extinción ata ás 08:30 horas desta mañá, momento no que o deron por controlado. Así mesmo, os Bombeiros permaneceron no lugar arrefriando a zona afectada e retirando o material diverso que se atopaba no seu interior para así completar a súa extinción.

O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso ás 04:15 horas mediante a chamada de alerta dun traballador da empresa.

Axiña, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, activou un operativo no que participaron os Bombeiros de Pontevedra, os axentes da Policía Nacional e Local. Ademais, informouse da situación ao persoal do servizo de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e púxose en alerta aos profesionais do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, por se fose precisa a súa intervención nalgún momento.

Arde unha embarcación en Vilagarcía

Ademais, ao redor das 01:15 horas tamén desta madrugada, o CIAE 112 Galicia tivo constancia doutro incendio. Neste caso, tratouse dunha embarcación que ardeu por completo na rampa no peirao de Vilaxoán, na parroquia de Sobrán.

A esa hora, o alertante que chamou ao 112 Galicia para informar do suceso asegurou que non había persoas afectadas. Decontado, os xestores de emerxencias puxeron os feitos en coñecemento dos Bombeiros do Salnés  e dos membros do Servizo Municipal de Emerxencias da localidade. Así mesmo, informouse da situación aos axentes da Policía Local.

Tras rematar as tarefas de extinción os equipos de emerxencia desprazados comunicaron ao 112 Galicia que a embarcación ardeu na súa totalidade.

Arde un galpón en Tomiño

Tamén, ás 22:30 horas desta pasada noite, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia era informado por un particular doutro incendio, na localidade pontevedresa de Tomiño.

O alertante, indicaba que ardía un alpendre situado ao carón dunha casa de madeira, no lugar de O Lago, en Tomiño. Neses intres, a dona da vivenda tamén se poñía en comunicación co 112 Galicia e aseguraba que no interior da vivenda non había ninguén.

Con estes datos, os xestores do 112 Galicia informaron aos Bombeiros do Porriño, ao GES da Garda e á Garda Civil.

Unha vez no punto e tras dar por rematadas a tarefas de extinción, os Bombeiros indicaron que ardeu un galpón por completo con bastante material almacenado no seu interior.

Polo momento, descoñécense as causas que orixinaron o lume.

Comentar noticia

Your email address will not be published.