Un incendio derrúe parte dun invernadoiro en desuso con diverso material almacenado en Fisterra

Publicado por o día 02/08/2020 na sección de Sucesos

Un incendio derrúe parte dun invernadoiro en desuso con diverso material almacenado en Fisterra

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia do lume pasados dez minutos das 06:00 horas desta mañá.

Ata o lugar acudiron decontado os Bombeiros de Cee, os efectivos de Protección Civil da localidade e os axentes da Garda Civil,  nada mais ser alertados polo 112, tras recibir o aviso dun particular. Segundo o seu relato, ardían invernadoiros abandonados e escoitábanse estoupidos nunha finca privada, situada na Avenida da Anchoa, en San Martiño de Duio.

Unha vez que os Bombeiros xunto cos efectivos de Protección Civil deron por finalizadas as tarefas de extinción, confirmaron que se tratou dun galpón de grandes dimensións, divido en dúas partes, unha delas estaba baleira e a outra, que  almacenaba diverso material e que foi arrasada polas lapas. De feito, indicaron que arderan dous vehículos, un xerador, diverso material de construción e outros materiais diversos. Ademais, por fortuna, os profesionais de extinción puideron controlar as lapas e evitar que afectasen a unha casa contigua, propiedade duns veciños.

Polo momento, descoñécense as causas que puideron orixinar o lume. As Forzas da Orden encárganse da investigación do suceso.

Hóspede dun hotel evacuado

Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron esta madrugada a unha persoa que resultou afectada por inhalación de fume despois de rexistrarse un incendio na habitación do hotel no que se hospedaba, situado fronte a Rúa Orotava.

O incendio, segundo informaron os Bombeiros de Ponteareas ao 112 Galicia, que acudiron ao punto nada mais recibir a chamada de alerta, foi extinguido polos mesmos axentes da Policía Local, que tamén se desprazaron decontado ata o lugar. Ademais, por precaución, o inmoble foi desaloxado por completo mentres duraron as tarefas de extinción. Ardeu  unicamente unha mesa, unha cadeira e unha manta.

Ademais dos Servizos Sanitarios de Urxencia de Galicia-061, dos Bombeiros de Ponteareas e da Garda Civil tamén foron informados os Bombeiros de Vigo e os efectivos de Protección Civil da localidade.

Unha vez extinguido o lume, os hóspedes volveron ás súas habitacións, excepto a cuarta planta do hotel, que quedou en desuso tras verse moi afectada polo fume.

O 112 Galicia tivo constancia do incendio sobre a 01:30 horas desta madrugada.

Arden unha autocaravana e dous coches

Por outra banda, ás 00:00 horas desta madrugada unha persoa particular chamou ao 112 Galicia para informar dunha autocaravana ardendo, na rúa  Ramón Bares, no termo municipal de Bueu. Aseguraba que había mais coches ao redor. Neses intres, tamén contactaba co 112 Galicia a Policía Local, indicaban que estaban xa no punto, que non había persoas afectadas pero que se precisaban medios para extinguir o lume.

Aínda que non se tiña constancia de que houbese persoas afectadas, os xestores do 112 pasaron aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que enviaron igualmente unha ambulancia ao punto. Así mesmo, foron avisados os Bombeiros do Morrazo e os efectivos de Protección Civil.

Finalmente, tras chegar ao lugar e constatar que ninguén resultara ferido,  os Bombeiros extinguiron o lume na súa totalidade e confirmaron que arderan unha autocaravana e dous turismos.

Polo momento, descoñécense as causas que orixinaron o lume.

Comentar noticia

Your email address will not be published.