Un itinerario cultural lembrará a literatura de viaxes de Camilo José Cela

O conselleiro de Cultura e Educación, o presidente da Deputación de Guadalajara e máis o fillo do autor reuníronse hoxe para afondar na colaboración iniciada no 2016 co gallo do centenario do nacemento do escritor
Publicado por o día 12/12/2017 na sección de Cultura

Un itinerario cultural lembrará a literatura de viaxes de Camilo José Cela

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e presidente do Padroado da Fundación Pública Galega Camilo José Cela, Román Rodríguez; o titular da Deputación de Guadalajara, José Manuel Latre; e o responsable da Fundación Charo y CJC, Camilo José Cela Conde; reuníronse hoxe para afondar na colaboración das tres partes para impulsar un itinerario cultural baseado na literatura de viaxes do autor, que inclúe obras como Viaje a la AlcarriaDel Miño al BidasoaViaje al Pirineo de LéridaCuaderno del GuadarramaÁvila ou Vagabundo por Castilla, entre outras.

Na reunión, na que tamén participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e o director dos Servizos Culturais da devandita deputación, Plácido Ballesteros; as tres partes coincidiron na oportunidade que este itinerario pode supoñer tanto para promover o coñecemento da literatura do Nobel galego como para dar a coñecer a xeografía española a través das súas letras. Así mesmo, acordouse implicar no proxecto ao Instituto Cervantes, comezar a traballar na creación dunha marca deste itinerario e deixar aberto o acordo a calquera institución ou axente relacionado con este itinerario.

Esta nova colaboración enmárcase no protocolo asinado en 2016 entre a Consellería e a Deputación con motivo da celebración do centenario do nacemento do escritor, a través do que ambos organismos cooperaron na organización dos actos de homenaxe realizados, así como no referido á cesión de materiais e documentación de Cela custodiados no Arquivo Histórico, na Biblioteca de Investigadores de la Provincia, no Centro de la Fotografía y la Imagen Histórica de Guadalajara (CEFIHGU) e no Museo del Viaje a la Alcarria, sito na torre da homenaxe do castelo de Torija.

Unir forzas

Neste sentido, tanto o conselleiro como o presidente da Deputación coincidiron na importancia de unir forzas no que nos une, neste caso a innegable presenza de Galicia e de Guadalajara na vida de Camilo José Cela; e o obxectivo compartido, tamén coa Fundación Charo y CJC, de difundir a súa obra e legado.

Ademais, Román Rodríguez sinalou este itinerario como unha oportunidade para poñer en valor a figura de Cela e tamén para incrementar o atractivo das vilas, localidades e cidades polas que pasou como viaxeiro, creando un produto cultural que sirva para dar a coñecer a obra do autor e, ao mesmo tempo, os cambios que experimentou o seu país desde que o Nobel lle fixese unha radiografía a través da literatura.

Pola súa banda o fillo do autor, Camilo José Cela Conde, manifestou a súa satisfacción pola unión das tres institucións que se dedican a manter o recordo literario do insigne escritor de Padrón arredor dunha iniciativa cultural e social como é este itinerario.