Un lume nun dispensador de papel hixiénico obriga a evacuar un instituto en Cangas

Publicado por o día 26/01/2021 na sección de Galicia,Cangas,Sucesos

Un lume nun dispensador de papel hixiénico obriga a evacuar un instituto en Cangas

Un incendio nun dispensador de papel hixiénico obriga aos alumnos do IES Monte Carrasco de Cangas a abandonar as instalacións e poñerse a salvo durante as labores de extinción.

Por fortuna, os danos foron escasos, apenas o propio utensilio, e os rapaces, así como o equipo docente, puideron volver ás aulas sen problemas.

A alarma saltou no 112 Galicia pasadas as dez desta mañá mediante a chamada desde a dirección do centro educativo, situado na parroquia canguesa de Darbo. Alí acudiron os Bombeiros do Morrazo e os voluntarios de Protección Civil para facer fronte a unhas lapas que o equipo docente xa trataba de sufocar cun extintor. Bastou esta medida para resolver a situación que, segundo as investigacións dos equipos de intervención, tivo unha orixe intencionada.

Con todo, por precaución, o centro foi desaloxado ata alcanzar as condicións necesarias para volver ás aulas con seguridade.