Un “M” baseado na arquitectura da cidade e no Tesouro de Caldas, nova imaxe institucional do Museo de Pontevedra

O vicepresidente Mosquera e a presidenta Silva destacan que a renovación da identidade visual ten como fin último “a potenciación do Museo” como unha “grande referencia da cultura do século XXI”
Publicado por o día 17/07/2020 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Pontevedra

Un “M” baseado na arquitectura da cidade e no Tesouro de Caldas, nova imaxe institucional do Museo de Pontevedra

O Museo de Pontevedra presentou hoxe publicamente a súa nova imaxe institucional, que se renovará tras máis de 75 anos utilizando un ‘ex libris’ de Alejandro de la Sota. Representada cun ‘M’ moldeado segundo as formas da cidade de Pontevedra e tamén de pezas do Tesouro de Caldas, a nova imaxe corporativa será un elemento que pretende formar parte da propia cidade tal e como acontece co propio Museo de Pontevedra.

A presentación da nova identidade visual foi realizada hoxe pola presidenta Carmela Silva, o vicepresidente Mosquera (responsable político do Museo), o director da institución Xosé Manuel Rey, e o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores, ademais de pola deseñadora e autora Uqui Permui, nun acto no que se descubriu –retirando unha tea de raso- unha peza escultórica coa forma do logotipo na terraza de acceso ao Sexto Edificio.

A autora da nova imaxe corporativa lembrou que os símbolos como o que a partir de agora definirá ao Museo teñen a función de representar moitas cousas con matices diferentes, e ao mesmo tempo, teñen que ser exclusivos para achegar un valor patrimonial. Explicou que o seu gran reto foi crear unha identidade que se incorpore á cidade “porque creo que, en Pontevedra, museo e cidade son complementarios,  algo que normalmente non sucede, e penso que é unha característica importante deste Museo”.

Segundo dixo, o Museo de Pontevedra non é simplemente un edificio, senón que son varios que se expanden pola cidade de forma orgánica, facendo que cada persoa que os visita cruce as rúas, os soportais, ” e se dea de conta que en realidade  toda a cidade é un museo… Dalgún xeito, esa foi a representación que Alejandro de la Sota fixo no seu debuxo en 1942, e agora, cunha linguaxe diferente, e novos códigos quixen transmitir o mesmo”, abondou.

Para o seu deseño, indicou Permui, partiu de formas recoñecibles e emblemáticas de Pontevedra, formas que se repiten na arquitectura e na ourivaría desde hai milleiros de anos, como as pezas do tesouro de Caldas Reis, “pezas como o peite que atopei mentres investigaba nas obras do Museo, sobre o que pensei ‘por que un elemento de uso cotiá, ao que normalmente non lle damos importancia, acaba converténdose nun tesouro cultural?'”. “Ese fío, foi o que me axudou a construír este símbolo… un ‘M’ que dubida entre ser maiúscula ou minúscula e acabou sendo as dúas cousas… maiúscula como a relevancia do Museo que representa e, ao mesmo tempo, minúscula que nos transmite proximidade”, afirmou, engadindo que a súa expectativa é que “o resultado consiga filtrarse na cidade e en todas e todos… e que pase a formar parte da nosa cultura e da nosa identidade”.

Pola súa banda, o vicepresidente e responsable político do Museo, César Mosquera asegurou na súa intervención que a intención e a idea última da renovación da imaxe institucional “non é outra que impulsar o Museo de Pontevedra”. Sinalou que o acto de hoxe é dos máis importantes porque supón darlle para a institución museística unha nova imaxe e un novo estilo comunicativo, e felicitou á autora e ao xurado –o Consello Asesor- que, ao seu entender, “captaron a idea pretendida e efectivizárona de forma brillante”.

Segundo subliñou, un dos aspectos que máis lle gusta da nova imaxe é que conceptualmente saca o Museo cara a fóra. “Substituímos a imaxe do Museo polo seu exterior, que tiña como segredo o que estaba gardado nas súas catro paredes, para agora tomar como imaxe algo do máis recóndito, un  peite, que de donde se saca a idea para proxectarse cara a cidade de Pontevedra e cara a Galiza”, dixo.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou tamén que a nova imaxe corporativa institucional amosa “o gran poderío do Museo de Pontevedra e o que se pretende que sexa: un museo que se afinque no século XXI”. Neste eido, Silva destacou que aínda que “pode parecer simple”, a imaxe “ten unha enorme potencia, é moi creativa e segue o camiño iniciado para converter ao Museo de Pontevedra nunha grande referencia da cultura”. Ao respecto, a presidenta puxo en valor os pasos que está a dar o museo para renovar o seu funcionamento: “primeiro coa elección do Consello Asesor e agora cunha nova imaxe corporativa moderna, que conecta coa sociedade pero sen perder o gran legado histórico deste museo que é o museo de Galicia, sen ningunha dúbida”, asegurou Silva.

Amais, a presidenta da Deputación aproveitou a ocasión para agradecer a “enorme participación” no concurso e a implicación no proceso, felicitando tanto a quen deseñou a imaxe como a quen a elixiu entre “tantas propostas, moi interesantes tamén”.

Un grande salto

O director do Museo, Xosé Manuel Rey, asegurou pola súa banda que “o salto” entre a anterior imaxe e a nova identidade “é, sen dúbida, grande, pero o resultado final déixanos moi satisfeitos pola súa presenza visual, versatilidade, convivencia con outros elementos de comunicación institucional e aplicabilidade sobre diferentes elementos e soportes”.

Lembrou que a imaxe icónica do Museo que se transmitiu durante máis de 75 anos, “unha imaxe evocadora cun extraordinario capital simbólico”, presentaba a día de hoxe grandes limitacións nun momento no que a identidade corporativa, as formas de comunicación visual e as estratexias de transmisión de información e contidos a través dos medios dixitais e impresos son tan importantes nas organizacións. “Este proceso dialéctico entre pasado e futuro, analóxico e dixital, ou corazón e razón fixo que adoptar esta decisión –renovar a imaxe- fose difícil e, sen dúbida, supoña un custe emocional grande”, dixo.

Explicou, así mesmo, que o cambio necesario reflicte tamén, dalgunha maneira, o proceso de paulatina renovación no que se atopa inmerso o Museo nestes momentos, e anticipa outros cambios, intimamente dependentes deste, como a renovación da páxina web, a potenciación das redes sociais, ou a aposta polas TICs (tecnoloxías da Información e a Comunicación).

Non obstante,

A un tempo subliñou que a nova imaxe non supón unha ruptura coa historia e a traxectoria vital do Museo: “Dúas razóns xustifican esta vontade inquebrantable: a primeira é que a vella imaxe non desaparece, senón que recupera a súa función primixenia, e se converterá nun ‘ex libris’ que figurará en todas as publicacións, impresas ou dixitais, que se promovan desde o Museo; a segunda, é que a nova identidade visual se constrúe apegada ás raíces do Museo e  se inspira no seu pasado e nas súas coleccións para proxectarse orgullosa cara ao futuro”, subliñou.

Comentar noticia

Your email address will not be published.