Un membro do GES, ferido nun incendio dunha vivenda en Ribadavia

Por o 07/01/2019 | Sección: Sucesos
Un membro do GES, ferido nun incendio dunha vivenda en Ribadavia

Un efectivo do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) resultou ferido a pasada noite mentres atallaba un incendio declarado nunha casa de tres andares en Ribadavia. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o membro do GES tivo que ser trasladado ao Complexo Hospitalario de Ourense ao sufrir un golpe nunha perna despois de quedar atrapado cando colapsou o teito da vivenda.

O incendio, que deixou importantes danos no tellado e tamén no faiado da casa, tivo lugar na Praza García Boente, ao fío das 23:55 horas.

Foi unha persoa particular quen contactou co 112 Galicia para alertar do lume e, decontado, os xestores do CIAE-112 pasaron o aviso aos Bombeiros do Carballiño, ao GES de Ribadavia, á Policía Local, á Garda Civil, a Protección Civil e ao 061-Urxencias Sanitarias.

Unha vez na vivenda, os servizos de emerxencia traballaron arreo nas labores de extinción do incendio, que quedou sufocado uns minutos despois das 3:00 horas.

Polo momento, descoñécense as causas que provocaron o lume.

Incendio nun pendello

Por outra banda, en Caldas de Reis, un alpendre ardeu practicamente por completo xunto cos materiais que se almacenaban no seu interior, sen que ningunha persoa resultase ferida. Ocorreu ao fío das 20:20 horas,  á altura do número 9 da rúa de San Roque.

O 112 Galicia tivo constancia do incendio grazas a chamada dunha persoa particular. Nada máis recibir o aviso, o persoal do CIAE-112 puxo a situación en coñecemento dos Bombeiros do Salnés, do GES de Valga, da Policía Local e de Protección Civil.

Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, os servizos de emerxencia remataron as labores de extinción do incendio ao fío das 21:30 horas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.