Un mozo foi rescatado polo Pesca-I despois de caer no Río Pedras, na Pobra do Caramiñal

Publicado por o día 24/08/2020 na sección de Sucesos

Un mozo foi rescatado polo Pesca-I despois de caer no Río Pedras, na Pobra do Caramiñal

Un mozo sufriu unha grave caída despois de esvarar no escorregadoiro natural das pozas do Río Pedras, na Pobra do Caramiñal.

Ante as dificultades para executar unha evacuación por terra, optouse polo desprazamento do helicóptero Pesca-I, que levou a ferido ao Hospital do Barbanza.

Todo sucedeu pasados uns minutos da unha desta tarde cando os acompañantes do ferido chamaron ao 112 Galicia para solicitar axuda. Indicaron que o mozo esvarou e caeu nas piscinas naturais do Río Pedras e iso fíxolle perder o coñecemento por veces. Ademais, recibiu un forte golpe nas costas, polo que pedían asistencia médica urxente.

Sen embargo, facer chegar esta axuda ao lugar no que se atopaba o mozo era complexo polas condicións do terreo e os accesos reducidos para os equipos de emerxencias que se desprazaron por terra. Deste xeito, pediuse a colaboración dos efectivos de Salvamento Marítimo e Servizo de Gardacostas de Galicia, que enviou á zona o helicóptero Pesca-I para rescatar ao rapaz e trasladalo ao Hospital do Barbanza e recibir, así, o tratamento axeitado.

A chamada dos compañeiros do ferido ao 112 Galicia permitiu activar un operativo no que, a maiores dos membros do Servizo de Gardacostas de Galicia, interviñeron os Bombeiros de Ribeira e Boiro, os axentes da Policía Local e da Garda Civil, voluntarios de Protección Civil e profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Comentar noticia

Your email address will not be published.