Un mozo, inconsciente tras producirse un incendio na súa vivenda en Santiago

Publicado por o día 21/09/2018 na sección de Sucesos

Un mozo, inconsciente tras producirse un incendio na súa vivenda en Santiago

Un mozo perde a consciencia tras producirse un incendio no interior da súa vivenda situada na Rúa de Galeras, en Santiago.

O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso preto das seis desta madrugada mediante a chamada de veciños e compañeiros do afectado, que foi localizado inconsciente no medio dun intenso fume. Así, desde o 112, pediuse a colaboración dos bombeiros da cidade para atallar o incendio orixinado por unha pota de comida esquecida no lume que se estendeu á campá extractora e aos mobles do arredor.

Para atender ao ferido, acudiu ao lugar un equipo do 061-Urxencias Sanitarias, que, tras os primeiros coidados, trasladaron ao mozo en estado grave ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

Por último, indicar que os servizos de extinción contaron, tamén, co apoio dos corpos e forzas de seguridade locais e nacionais.

Conato de incendio nun establecemento
Os Bombeiros de Santiago tiveron que saír unha vez máis para atender un incendio no interior dun restaurante situado na Rúa Rosalía de Castro. Foi antes do suceso de Galeras, concretamente ás 21:20 horas de onte, pero axiña se resolveu debido aos escasos danos rexistrados. Posiblemente, foi o quentamento dun punto de luz o que provocou un pequeno lume no illante do falso teito.

A chamada ao 112 dun particular permitiu activar o operativo para o que non foron necesarios máis medios debido á pronta resolución.