Un muller foi rescatada despois de caer co seu vehículo por un terraplén en Ourol

Publicado por o día 03/10/2018 na sección de Sucesos

Un muller foi rescatada despois de caer co seu vehículo por un terraplén en Ourol

Unha muller foi rescatada esta madrugada tras caer co seu vehículo por un terraplén cando circulaba pola estrada que une San Pantaleón con Bravos, no concello lugués de Ourol.

Os bombeiros tiveron que anclar o coche, a uns 30 metros de profundidade, para poder sacar á condutora e trasladala en padiola ata a ambulancia.

Foi a familia quen pasada a medianoite contactou co 112 Galicia ante a demora da muller, que debía estar de volta na casa arredor das oito da tarde. Desde o primeiro momento, os seus parentes se amosaron convencidos de que a muller sufrira un accidente co seu vehículo debido ao carácter escarpado da zona.

Efectivamente, despois de peitear a estrada, escoitaron á afectada gritar, o que lles permitiu sinalizar a probable posición do vehículo. Deste xeito, desde o 112 Galicia, pediuse a colaboración dos Bombeiros de Viveiro, que para poder rescatar á ferida tiveron que anclar o vehículo e transportala en padiola ata o lugar onde agardaba unha ambulancia do 061-Urxencias Sanitarias.

Anteriormente, descartouse a través do 112 Galicia que a muller non fose trasladada a algún hospital ou se tivese rexistrado algún accidente. Así, unha vez descartadas estas opcións, a familia buscou e atopou á mulller, que caera co seu coche por un desnivel duns 30 metros de profundidade. Estaba consciente, pero ante o temor de que o vehículo estivese inestable, agardaron á chegada dos bombeiros.

Convén sinalar que os efectivos do parque de Viveiro contaron coa colaboración dos voluntarios de Protección Civil da localidade e dos axentes da Garda Civil de Tráfico.

Ferido grave en Guntín

Tamén na provincia de Lugo, concretamente no concello de Guntín, rexistrouse outro accidente de tráfico no que resultou ferido de gravidade o condutor dun turismo. Ocorreu preto das nove da noite de onte na LU-612, en San Mamede de Lousada. Segundo a información facilitada ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, o coche no que circulaba o ferido saíuse da vía e bateu contra un autobús que estaba estacionado. Ante a posibilidade de que a persoa estivese atrapada, desde o 112 Galicia, avisouse aos Bombeiros de Lugo e Chantada, que, finalmente, descataron intervir debido a que o condutor estaba liberado e accesible.

Tamén neste accidente contouse coa colaboración dos membros do GES de Monterroso e o persoal de limpeza e mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas para restablecer as condicións de seguridade na vía.