Un operario resulta ferido tras sufrir unha caída de altura en Marín

Un operario foi evacuado polo equipo de urxencias sanitarias despois de precipitarse desde unha altura cando traballaba nun edificio da Rúa Ezequiel Massoni, no concello pontevedrés de Marín.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos equipos de intervención que acudiron ao lugar dos feitos, o ferido tratou de subir ao tellado mentres traballaba nas obras dun ascensor e acabou precipitándose ao patio de luces.

Dese xeito, nada máis ter constancia do suceso, tras recibir a chamada de alerta dunha persoa particular ás 15:30 horas, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecementos dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros do Morrazo e tamén dos axentes da Policía Nacional e Local.

Caída dun andamio

Case á mesma hora, esta vez no concello ourensán de Xunqueira de Ambía, os servizos de emerxencia tiveron que intervir para axudar un traballador que resultou ferido despois de caer desde unha estada na parroquia de Aramariz.

A chamada de alerta foi recibida polo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE) 112 Galicia ao fío das 15:45 horas. Durante a comunicación, o alertante indicaba que un traballador necesitaba asistencia médica tras precipitarse dunha altura.

De inmediato, os profesionais do 112 Galicia pasaron aviso ao equipo de urxencias sanitarias que, unha vez no lugar, tratou de atender o ferido e realizar posteriormente o seu traslado ao Hospital de Ourense.

Cómpre sinalar que este operativo tamén contou coa colaboración dos Bombeiros de Xinzo de Limia, dos axentes da Garda Civil e dos efectivos de Protección Civil da localidade.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM