Un paso máis do ‘Mos Humanizado’ co inicio inminente da obra de humanización en Guizán

O inicio das obras prevese para comezos do mes que ven e o proxecto inclúe beirarrúas, muros e unha glorieta na contorna do Centro Recreativo e Cultural de Guizán onde precisamente a Comunidade de Montes da parroquia construiu un novo local social
Publicado por o día 21/01/2021 na sección de Galicia,Mos

Un paso máis do ‘Mos Humanizado’ co inicio inminente da obra de humanización en Guizán

O Concello de Mos continúa co seu proxecto do ‘Mos Humanizado’ que o equipo de goberno local presentara como parte do seu último programa electoral e para elo segue avanzando na súa folla de ruta neste senso. A devandita folla de ruta marca como un dos principais obxectivos da administración local construír o Mos das persoas, con espazos e infraestruturas habilitados para o uso e desfrute da veciñanza.

Precisamente vense de dar un paso máis nesta folla de ruta e alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, informan de que onte aprobouse en Xunta de Goberno Local o Plan de Seguridade e Saúde necesario para poder iniciar para a realización da obra de humanización na Estrada Louriñó-Sobráns en Guizán, prevista para comezos do vindeiro mes de febreiro.

Neste Plan Municipal ‘Mos Humanizado’ o goberno mosense prioriza os lugares de cada parroquia nos que son más necesarias obras de humanización. Para elo fíxose un estudo de todas as 10 parroquias do Concello para determinar as zonas prioritarias e con máis tránsitoNa parroquia de Guizán, tras haber acometido a humanización da Estrada Peinador-Santiaguiño, tocáballe o turno á Estrada Louriñó-Sobráns por ser o segundo vial máis concorrido da parroquia.

Trátase dun vial moi transitado tanto por vehículos como por peóns ao dar acceso ao Centro Recreativo e Cultural de Guizán, ao Parque Infantil do Plantel e á Igrexa Parroquial de Santa María de Guizán. Esta estrada sirve ademais de enlace entre as parroquias de Torroso e Guizán polo que soporta bastante tráfico.

E ademais a importancia desta obra aumenta ao coincidir cos traballos de construción dun novo local para a Asociación Recreativa e Cultural de Guizán que xa se atopan rematados e nos que a Comunidade de Montes de Guizán investiu 1 millón de euros.

O proxecto municipal de humanización da Estrada Louriñó-Sobráns inclúe beirarrúas, muros e unha glorieta na contorna do Centro Recreativo e Cultural de Guizán. Ademais realizarase a correspondente reposición do firme. As obras requerirán de traballos previos como o desbrozado lateral, e a limpeza de cunetas e noiros que, unha vez realizados, irán seguidos da rehabilitación de firmes e pavimentos acorde coa Instrucción de Estradas Norma 6.3-IC e o PG-3 do Ministerio de Fomento. A rehabilitación de firmes inclúe unha primeira fase de regularización da capa de rodadura e unha segunda fase de recrecido. A obra rematarase coa instalación e pintado da correspondente sinalización vertical e horizontal, respectivamente. Esta obra conta cun orzamento de execución por contrata de 261.467,64 euros que conta con subvención do Plan Concellos. prazo de execución das obras é de 16 semanas.

Na Estrada Louriñó-Sobráns, na parroquia de Guizán, actuarase nun tramo de 457 metros de lonxitude, tratándose dun vial con pendente elevada e edificacións nas dúas marxes.