Un percorrido por Pontevedra tralas pegadas de María Victoria Moreno

A camiñada recóllese nunha publicación presentada este venres polo Concello e ilustrada por Ana Seoane
Publicado por o día 07/04/2018 na sección de Galicia,Pontevedra,Universidade de Vigo

Un percorrido por Pontevedra tralas pegadas de María Victoria Moreno

Natural na provincia de Cáceres, a escritora homenaxeada neste 2018 no Día das Letras Galegas, María Victoria Moreno, chegou en 1963 a Pontevedra, cidade que ata o seu falecemento en 2005 se converteu nun elemento fundamental da súa paisaxe vital e na que foi tamén testemuña das diversas transformacións que viviu a cidade ao longo das décadas. Deste xeito, tanto os lugares que formaron parte da súa vida como eses cambios dos que foi testemuña forman parte da camiñada con María Victoria Moreno, promovida pola Concellería de Normalización Lingüística e articulada pola profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Ana Acuña xunto coa escritora Fina Casalderrey.

A publicación na que se recolle e documenta esta ruta, ilustrada pola profesora da Facultade de Belas Artes Ana Seoane, foi presentada este venres no Concello polo concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, xunto con Acuña, Casalderrey e Seoane e o historiador Roberto Rivas, que será o responsable das visitas guiadas por esta ruta que se estrea na propia tarde deste venres e que constitúe a primeira das actividades promovidas polo Concello co gallo do Ano María Victoria Moreno.

Un percorrido que comeza nas aforas da cidade

A diferencia doutras das rutas articuladas polo Concello, a Camiñada María Victoria Moreno non parte do centro da cidade, “senón do seu extrarradio, algo que pareceunos relevante porque ela tamén se achegou a Pontevedra e a cultura galega desde as marxes”, sinala Acuña. Deste xeito, a ruta que esta investigadora e a docente e escritora Fina Casalderrey documentan na publicación presentada este venres, na que a información respecto dos diferentes puntos de interese complétase con extractos da obra de Moreno, parte da ponte da avenida de Vigo, onde se sitúa a súa derradeira vivenda e onde o Concello gravou en 2006 unha frase do seu libro Anagnórise, “as persoas estamos feitas para levar a cabo os proxectos máis fermosos”.

Desde ese punto, a ruta parte cara Campolongo e a contorna do río dos Gafos, “xa que María Victoria paseaba aos seus cans alí e foi trala súa chegada cando comeza a construíse todo o polígono”, explica Acuña. Posteriormente, esta ruta centrada en once puntos achégase cara a Praza de Galicia, “onde estaba a antiga estación de ferrocarril”, co propósito de incidir de novo nesa “época de cambios” que viviu a cidade coincidindo coa súa chegada na década de 1960.O percorido continúa por Andrés Muruais, onde estivo asentada a libraría Xuntanza, da que Moreno foi unha das impulsoras en 1973, e que, lembra Acuña, “era un espazo bastante peculiar, no que por exemplo tiñan un premio en galego e onde se podían atopar libros editados fóra de España que naquela non se atopaban noutros sitios”. A rúa da Oliva, onde estaba a sede da Asociación Amigos da Cultura, na que a escritora “daba clases de galego” nos últimos anos da ditadura, é a seguinte parada dunha ruta que logo se achega ata o Café Moderno, onde a escritora presentou o seu derradeiro libro en vida en 2004, Diario da luz e da sombra.

A partires de aí, o percorrido continúa ata o IES Valle-Inclán, do que a escritora foi docente, para logo achegarse á Basílica de Santa María, o Teatro Principal e o Casino, onde Moreno impartiu en 1973 unha conferencia en galego sobre García Lorca. Tras baixar pola Praza do Teucro, a ruta chega ata o edificio onde se atopaba o Fogar Provincial no que a escritora iniciou os trámites para adoptar aos seus dous fillos, para concluír finalmente na Praza da Ferrería, “que era un lugar importante para ela, polo que lle gustaba pasear”.

A ruta conta así mesmo, explica Acuña, cunha versión ampliada e outra reducida, presentadas en mapas nunha publicación que se completa cunha compilación de datas relevantes tanto na historia vital da escritora, como de Galicia, é que Ana Seoane completa con mapas e ilustracións. “A diferenza doutros roteiros, neste é máis bonita á historia que a ruta en si, é un mapa máis emocional”, sinala esta docente e artista, que articulou as súas ilustracións en base aos textos de Casalderrey e Acuña, achegando tamén a publicación ilustracións da propia autora, acompañada dos seus cans.