Un pescador rescatado da auga nas proximidades da Illa do Pé, na Coruña

Publicado por o día 02/09/2019 na sección de Sucesos

Un pescador rescatado da auga nas proximidades da Illa do Pé, na Coruña

Un pescador foi trasladado ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña tras ser rescatado na mañá de hoxe despois de caerse á auga na zona da Illa do Pé, na Coruña.

Ao fío das 13:15 horas de hoxe, o 112 Galicia recibía a chamada dun particular que solicitaba asistencia médica para un pescador ferido tras sufrir un accidente no mar. Segundo puideron saber os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, o home foi recollido por unha embarcación particular que navegaba pola costa.

Así, desde o 112 Galicia pediuse a colaboración de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos membros de Salvamento Marítimo e Gardacostas de Galicia, e tamén dos axentes da Policía Local. Do mesmo xeito, informouse ao Grupo de Rescate Acuático dos Bombeiros da Coruña e Protección Civil da localidade.

Finalmente, o home puido ser atendido polo equipo da ambulancia desprazado ata o lugar máis próximo e, posteriormente, evacuado ao centro hospitalario.