Un proxecto de ciencia cidadá avaliará a calidade do aire en Pontevedra a través dos liques

Mediante unha app, os estudantes identificarán especies indicadoras dos niveis de contaminación
Publicado por o día 20/11/2019 na sección de Galicia,Pontevedra,Universidade de Vigo

Un proxecto de ciencia cidadá avaliará a calidade do aire en Pontevedra a través dos liques

Os liques son excelentes indicadores da contaminación do aire e foron utilizados polos científicos para observar os niveis de contaminación en numerosas cidades de todo o mundo. Así o revelou tamén a primeira fase do proxecto Liquencity, que permitiu, mediante a colaboración de máis de 2000 cidadás, a maior parte estudantes de secundaria, estudar os niveis de contaminación en Madrid e Barcelona. Coordinado polo Real Jardín Botánico (RJB-CSIC) e GBIF España, o proxecto inicia agora a súa segunda fase, Liquencity 2, coas universidades de Vigo, Oviedo e Navarra, o ICM e o IRBIO de Barcelona e a asociación Terrabiota de Pamplona como socios, e o apoio da Fundación Española de Ciencia y Tecnología (Fecyt) do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. Coa participación das profesoras da Escola de Enxeñaría Forestal Graciela Paz e Eugenia López, Pontevedra será, xunto a Oviedo a Pamplona, unha tres cidades que centrarán a segunda edición deste proxecto, no que se promoverá a participación de alumnado de distintos niveis educativos. A través dunha aplicación para teléfonos móbiles, as e os participantes aprenderán a identificar os liques e rexistrarán a súa presenza nas árbores da cidade, o que permitirá á súa vez avaliar os niveis de contaminación do aire.

“Existen unha serie de especies de liques que caracterizan ben as zonas máis e menos contaminadas”, explican Graciela Paz e Eugenia López de Silanes, docentes da Área de Produción Vexetal e integrantes do grupo de investigación en Novos Materiais (FA3). As docentes da EE Forestal serán as responsables en Pontevedra dun proxecto coordinado polo investigador do CSIC no Real Jardín Botánico Sergio Pérez-Ortega e que ampliará, a través dunha nova app, o seu estudo a estas tres cidades. Esta aplicación, informa o CSIC, permitirá crear mapas de diversidade de liques e contaminación atmosférica para cada cidade, o que servirá tamén para concienciar á poboación dos efectos que a contaminación invisible do aire ten para a saúde.

Un proxecto que buscará sumar ao alumnado da cidade

Para iso, alumnado e profesorado de secundaria, bacharelato e formación profesional de Pontevedra, Oviedo e Pamplona analizará durante varios meses os liques que existen en cada territorio e o seu papel como bioindicadores da calidade do aire. No caso de Pontevedra, Paz e López de Silanes, que xa estudaran previamente a presenza na cidade de liques que permiten avaliar os niveis de contaminación, encargaranse de impartir sesións formativas para o profesorado interesado, que permitan que logo ao alumnado identificar e cuantificar as especies de liques presentes en árbores cun tronco de cando menos 30 centímetros de diámetro. “Eliximos unha serie de especies para Pontevedra, que consideramos que caracterizarían ben as zonas cunha contaminación alta, media ou baixa”, a través da súa presencia ou ausencia nas árbores do casco urbano, explican as investigadoras. López de Silanes e Paz encargaranse así mesmo de supervisar as fotografías de liques que, unha vez arranque un proxecto “aberto a toda persoa interesada”, se irán incorporando á plataforma Natusfera e que permitirán á súa vez, como salienta Paz, “facer un mapa da contaminación de Pontevedra”. Do mesmo xeito, tamén está prevista a organización dun bioblitz na cidade, un evento centrado no rexistro de diferentes especies nunha determinada zona.

Unha app de ciencia cidadá

Para levar a cabo este proxecto, explicou Pérez-Ortega, “os alumnos e profesores disporán dunha nova app para dispositivos móbiles, en cuxo desenvolvemento xa estamos traballando, que lles facilitará a toma de datos e, ademais, contarán con materiais específicos para cada cidade, como fichas de árbores e de liques ou unidades didácticas”. A aplicación, que traballará sobre a plataforma dixital Natusfera, personalizarase para o proxecto co propósito de facilite a toma de datos e poida ser empregada facilmente por calquera persoa.

Todos os datos validados na plataforma por expertos e expertas en liques pasarán a formar parte da Infraestrutura Mundial de Información en Biodiversidade (GBIF, polas súas siglas en inglés). Deste xeito, sinala o CSIC, ademais de ser un proxecto de sensibilización e axuda á xestión municipal, tamén será un proxecto de ciencia cidadá ao servizo da comunidade científica global.

15.000 mortes anuais en España

“A nosa experiencia con Liquencity indícanos que, a pesares da importancia que a calidade do aire ten para a nosa saúde, a percepción do problema non é xeral entre a cidadanía”, salienta Pérez-Ortega, que lembra que, con frecuencia “non se entenden as medidas tomadas para mitigar os niveis excesivos de certos contaminantes”. Por iso, segundo recolle o CSIC, o coordinador desta iniciativa pon o acento en que “proxectos que fomenten a participación da mocidade, achegando coñecemento, tomando decisións e pensando formas de cambiar os nosos hábitos, son claves para unha transición real cara cidades máis sustentables e saudables”.

Nese senso, subliñan que estudos previos amosaron que as afeccións respiratorias teñen unha alta correlación coa presenza ou ausencia de certas especies de liques nas cidades. Segundo se desprende do último estudo da Carga Global de Enfermidade (CBD), sinala o CSIC, prodúcense ao ano en España cando menos 15.000 mortes atribuíbles á contaminación atmosférica.