Un seminario analizará como a internet das cousas e a intelixencia artificial transformarán os procesos industriais

Da man de Juan de la Peña, de Microsoft, e cunha mesa redonda con representantes das empresas
Publicado por o día 22/01/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Un seminario analizará como a internet das cousas e a intelixencia artificial transformarán os procesos industriais

Procesos automatizados e, sobre todo, intelixentes. Este é o paradigma da cuarta revolución industrial, a da Industria 4.0, un proceso transformador que xa está en marcha e que ademais de mudar o sistema produtivo tamén está a provocar importantes cambios no mercado laboral, coa demanda de novos perfís profesionais. Detrás de toda esta transformación está a internet das cousas (IoT), o big data, a intelixencia artificial e outras novas tendencias tecnolóxicas con aplicación nas contornas industriais. Para analizar estes cambios, presentes e inminentes, a Escola de Enxeñería Industrial acollerá o vindeiro mércores 29 de xaneiro unha xornada organizada pola sección española de ISA (International Society of Automation).

Titulada EL IoT, los datos y la inteligencia artificial como corazón en la industria 4.0, será impartida por Juan de la Peña, enxeñeiro informático con máis de dez anos de experiencia no sector da automatización industrial en Siemens e actualmente Sales Specialist IoT & Data & AI Service Solution Professional en Microsoft. Tras a súa intervención terá lugar unha mesa redonda na que participarán representantes do mundo empresarial e académico xunto con Ricardo Fernández, vogal de Actividades da sección española de ISA.

A xornada desenvolverase o vindeiro mércores no salón de actos da Escola de Enxeñería Industrial, na sede campus, a partir das 16.00 horas. Aínda que é unha actividade de balde, é preciso inscribirse por cuestións de aforo e dende a organización xa confirman 85 persoas matriculadas, como explica o profesor do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática, Ignacio Armesto.

A industria do futuro, a debate

A xornada distribúese en dous bloques. No primeiro deles, da man do representante de Microsoft, analizarase como as novas tecnoloxías están impactando no tecido industrial, dende o big data e a nube, ata o internet das cousas, os servizos cognitivos aplicados á industria, o impacto dos bots na automatización, a intelixencia artificial, os novos protocolos de comunicación ou o impacto do machine learning na toma de decisións.

Durante o relatorio analizaranse varios exemplos prácticos das distintas disciplinas para entender o potencial destas tecnoloxías. Entre outros fitos, explicarase como conectar con IoT varias plantas repartidas por todo o mundo ou como os bots van ser uns dos interfaces (HMI) do futuro. Outro dos exemplos desta revolución da industria 4.0 é o uso do recoñecemento de imaxes por vídeo para achegar valor aos procesos industriais ou facendo que as instalacións sexan máis seguras para os traballadores. Outro dos puntos de interese da sesión será a converxencia entre o as tecnoloxías da información (IT) e as tecnoloxías da operación (OT), así como o papel dos datos como fonte de poder para tomar decisións moito máis acertadas ou xerar novos modelos. Todo isto, ademais, está a xerar novos perfís profesionais, novas titulacións, necesidade de cambios na formación dos futuros traballadores e reciclaxe dos actuais, cuestión que tamén se analizará na sesión.

A segunda parte da xornada consistirá nunha mesa redonda con representantes de empresas como Pablo Parrado, de Siemens; Juan Jesús Pardo, de TecdeSoft Automation; Antía Fernández, de Gradiant; José Juan Blanco, de Ecomanagement Technology  e Siemens, así como Miguel Díaz, da Escola de Enxeñaría Industrial.