Un seminario multidisciplinar afonda en Vigo nos grandes retos aos que se enfronta o sector marítimo-pesqueiro

Investigadores internacionais reúnense ata esta tarde na sede da Fundación MarInnleg

Dar visibilidade e realizar unha análise crítica das normas, políticas e programas desenvolvidos, nomeadamente pola UE, en pro dun crecemento sostible, dende unha perspectiva medioambiental, económica e social, do sector pesqueiro, son os obxectivos do seminario internacional Pesca e crecemento sostible que, ata esta tarde, se desenvolve na sede da Fundación MarInnleg, no peirao de trasatlánticos de Vigo. A xornada, que se celebra ao abeiro do proxecto Jean Monnet Unha visión europea dos océanos e dos mares: pesca marítima e crecemento sostible, conta coa participación de 25 investigadores “de universidades españolas e estranxeiras de catro áreas xurídicas: Dereito do traballo e da seguridade social; Dereito internacional público; Dereito internacional privado e Dereito mercantil, polo que tanto o seminario, como o proxecto, teñen carácter multidisciplinar”, explica Francisca Fernández Prol, docente e investigadora da Universidade de Vigo e responsable deste proxecto Jean Monnet.

Xunto á UVigo, Campus do Mar, a Fundación MarInnleg e o Instituto marítimo-pesqueiro do Atlántico colaboran nesta iniciativa que se desenvolve no período 2019-2021, e que tampouco estivo exento nestes últimos meses dos efectos da covid-19. “Algunhas actividades do proxecto desenvolvéronse desde marzo en liña, foi o caso do obradoiro celebrado en colaboración co Instituto marítimo- pesqueiro, e este seminario celébrase con aforo reducido a 25 investigadores, participando, algúns que non puideron desprazarse, de xeito telemático”, detalla a responsable do proxecto.

Tres eixes temáticos

Desde onte e ata última hora desta tarde sucédense as intervencións de persoas expertas nos tres eixes temáticos arredor dos que se organizou o seminario: unha visión integrada e interdependente; crecemento e protección do medio ambiente e a pesca: un sector económico e un xacemento de emprego. Así mesmo, nas sesións estanse a divulgar os estudos realizados no marco do proxecto Unha visión europea dos océanos e dos mares: pesca marítima e crecemento sostible.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM