Un seminario recupera a figura de varios editores galegos que tiveron un papel clave en Uruguai

A cita será este xoves na biblioteca da EMAO, onde están parte dos libros doados por Maximino García
Publicado por o día 12/11/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Un seminario recupera a figura de varios editores galegos que tiveron un papel clave en Uruguai

“Son figuras representativas da emigración galega en América Latina; pioneiros no país de acollida pero tamén parte importante da historia desa Galicia que masivamente tivo que emigrar”. Así describe a profesora e investigadora da Facultade de Filoloxía e Tradución Carmén Luna Sellés por que é importante recuperar a figura de persoas como Antonio Barreiro y Ramos (1851-1916), natural de Laracha (A Coruña) , ou os irmáns vigueses Claudio (1879-1949) e Maximino García (1882-1962), emigrantes galegos que foron pioneiros da edición en Uruguai.

Para dalos a coñecer este xoves vaise celebrar un seminario no que tres especialistas afondarán na súa figura. Será na biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, “onde podemos atopar parte dos libros doados por Maximino, algúns dos cales estarán expostos, grazas á amabilidade da dirección da escola e da súa bibliotecaria”, explica Carmen Luna, que será unha das tres especialistas que vai participar nesta actividade xunto cos investigadores uruguaios Leonardo Guedes e Alejandra Torres, da Universidad de La República de Montevideo. Estes tres investigadores forman parte dun grupo de investigación que traballa na historia da edición en Uruguai. “Este grupo xurdiu coa nosa colaboración no proxecto EDI-RED: Editores y editoriales Iberoamericanos (Siglo XIX-XXI) no que escribimos diferentes perfís  de editores e editoriais uruguaias”, salienta Luna, ao que engade que a raíz dese traballo pensaron na necesidade de colaborar para realizar unha investigación conxunta sobre a historia da edición en Uruguai e escribir o libro Una aproximación a la historia de la edición en Uruguay, equipo do que tamén formou parte Néstor Gutiérrez. “Alejandra e Leonardo decidiron realizar unha estadía en Galicia para completar a súa investigación posto que varios dos editores que estudamos son de orixe galega como é o caso destes tres editores”, recalca Luna.

O seminario está aberto a todo o público en xeral pero está pensado, sobre todo, para o alumnado do programa de doutoramento en Estudos Literarios da Universidade de Vigo e nel, ademais das figuras de Barreiro y Ramos e dos irmáns García falarase tamén doutro editor galego, neste caso ferrolán, emigrado a Montevideo: Francisco Vázquez Cores (1848-1914).

Xeracións de uruguaios empregaron os manuais de Vázquez Cores

Organizado polo grupo de investigación Elicín (Departamento de Literatura Española e Teoría da Literatura) e o Programa de doutoramento interuniversitario de Estudos Literarios, o seminario encadrará a figura destes emigrantes galegos no Uruguai de entre séculos, cando se produciu a transición da publicación en imprentas á aparición dos primeiros selos editoriais.

Neste contexto, destacarán o labor pioneiro en materia editorial de Antonio Barreiro y Ramos, fundador en 1871 da Librería Nacional e Francisco Vázquez Cores (1848-1914), nacido en Ferrol, creador en 1883 da Librería Universal. “Ambos inicialmente dedicáronse á venda de libros para dar paso despois á edición, impulsados, nun primeiro momento, pola demanda de libros do sector educativo que supuxo a reforma educativa de José Pedro Varela (1845-1979), que mudou o sistema educativo uruguaio, pasando de ser maiormente privado con formación relixiosa, a transformarse nun sistema público, gratuíto e laico, xestionado polo Estado”, explica Luna. Pola súa banda, Vázquez Cores, colaborador da reforma vareliana e tras anos no exercicio da docencia, detectou a necesidade e demanda de libros didácticos para o maxisterio, o que o impulsou a crear o selo editorial Librería Vázquez Cores, “que publicou fundamentalmente manuais escolares e cadernos de caligrafía que leron e usaron varias xeracións de uruguaios”.

O caso dos vigueses irmáns García

No caso de Claudio García foi editor e libreiro, responsable do selo editorial que tamén deu nome ás súas librerías, La Bolsa de los Libros. “Emigrou a Montevideo en 1894 con apenas quince anos, dedicándose nunha primeira etapa á venda de libros novos e usados, fundando a partir de 1914 o selo editorial La Bolsa de los Libros: edicións de baixo custo para o mercado interno, buscando deste xeito incrementar o público lector”, explica a investigadora viguesa, ao que engade que a comezos dos anos trinta creou a emblemática colección Biblioteca Rodó, dedicada exclusivamente á publicación de autores uruguaios, en tanto que na Colección Cultura editábanse autores estranxeiros, clásicos e actuais.

Desde a organización do seminario explican que Maximino reuniuse co seu irmá pouco despois e foi nesa primeira etapa cando o traballo de Claudio como conserxe da universidade os puxo en contacto directo co ambiente universitario e os libros. Aínda que ambos irmáns comezaron xuntos como libreiros a finais da primeira década do século XX, Maximino abriu na Cidade Vella a librería e papelería La  Facultad, especializada en textos escolares e universitarios e na realización de traballos tipográficos e litográficos. “Posiblemente o feito de que Maximino abrise el so unha librería, independizándose do seu irmán, nesa data obedece á oportunidade percibida ante o aumento da poboación estudantil e a súa consecuente demanda de libros”, apunta Luna, quen engade que a finais da segunda década abrirá outra sucursal baixo o nome de Librería Del Correo e o selo editorial Maximino García, editor, nalgunhas ocasións denominado Editorial La Facultad, destacando o seu labor de edición das vangardas literarias uruguaias.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.