Un sistema inspirado no utilizado por Stephen Hawking para que Carlos poida comunicarse

Estudantes da UVigo desenvolven un prototipo destinado a persoas con parálise cerebral

CharlieSays botou a andar cando a tía de Juan Abia lle propuxo a este estudante de cuarto curso do Grao en Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática da Universidade de Vigo que desenvolvese para o seu Traballo de Fin de Grao (TFG) un sistema que permitise a comunicación con Carlos, o seu fillo e curmán de Juan, que este mes cumpre 33 anos e que sofre parálise cerebral. Carlos, que naceu sendo un neno san, sufriu cando tiña un ano unha parálise cerebral, producida pola aciduria glutárica que padece e que non lle foi diagnosticada ata que cumpriu 11 anos. Esta enfermidade que impide a quen a padece descompoñer as proteínas animais correctamente, unha vez diagnosticada e establecida unha dieta que reduce á mínima expresión a presencia de proteínas animais, permite ás persoas enfermas desenvolver unha vida normal. Non obstante, no caso de Carlos a diagnose chegou moi tarde, ocasionándolle graves secuelas, como a parálise cerebral que lle impide falar ou moverse voluntariamente, agás algún movemento aparentemente controlado e con máis forza que é quen de facer coa súa man dereita.

O proxecto comezou co estudo de diferentes opcións actualmente existentes no mercado para facilitar a comunicación das persoas con parálise cerebral, “pero teñen dúas grandes desvantaxes: un prezo demasiado elevado e non se poden adaptar o suficiente ás necesidade de Carlos, xa que no se poden mudar parámetros como o tempo de pulso ou a forza aplicada”, explica Juan Abia, que lembra que, o que comezou como unha proposta de TFG, logo pasou a ser un proxecto da asociación da rama de Estudantes do IEEE da UVigo, “e aí empezamos a traballar sobre o que eu fixera, inspirándonos no sistema que utilizaba Stephen Hawking”, contando ademais coa participación de Fernando Flores e Mateo González, estudantes do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación.

Foi a partires dese momento cando o equipo desenvolveu un sistema, que a día de hoxe xa dispón dun prototipo terminado, totalmente adaptado ás necesidades de Carlos e no que é posible modificar todos os parámetros. “O sistema detecta a forza que fai o usuario sobre unha pelota antiestrés e envía este sinal á aplicación, que está instalada nunha tableta de Carlos, que ten un maior control sobre a man dereita”, detalla o estudante.

Moita práctica antes de traballar en máis funcionalidades

Co prototipo xa rematado, ata agora o equipo desenvolveu a funcionalidade principal “que é ter o sensor e a comunicación coa aplicación funcionando, cunha comunicación simple de “si” e “non”. A partir de aí queda, en primeiro lugar, moita práctica por parte de Carlos para que se faga ao sistema, e unha vez conseguido isto, poñerémonos a traballar en funcionalidades da aplicación máis complexas, como comunicación mediante pictogramas e teclado por barrido”, explica Juan Abia.

Dispor dunha parte do corpo sobre a que se teña algo de control, sen importar a velocidade de reacción nin a forza aplicada; vista para poder ver a tableta e saber ler, para poder utilizar  funcionalidades futuras, son as capacidades que precisan ter as persoas que queiran empregar este sistema, cuxo núcleo é Arduino Leonardo, o microcontrolador que ten a función principal de ler o sinal do sensor e filtrala, para finalmente enviala á aplicación na tableta.

Na procura de patrocinadores para financiar o proxecto

Tras presentar CharlieSays na feira de tecnoloxías abertas OSHWDe, “onde tivo grande acollida”, os promotores do proxecto atópanse actualmente na procura de patrocinadores para financialo e tamén de colaboradores para poder continuar o seu desenvolvemento e mellora. “Como o proxecto está dentro da asociación de alumnos da Rama de Estudantes do IEEE da UVigo a nosa idea é lograr patrocinadores para a asociación e así poder financiar este proxecto e outros, ademais doutras actividades que realizamos”, detalla Juan Abia, que confirma que neste intre xa están en contacto cun par de empresas que amosaron o seu interese en converterse en patrocinadores desta iniciativa.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM