Un sistema robotizado mellora a calidade e reduce custes no control de obras de edificación

Realizouse unha proba piloto xeral con todos os socios implicados no proxecto Auto-BIM

Un sistema robotizado que reduce custos, axiliza obras e mellora a supervisión da calidade no control de obras de  edificación. Isto son os tres principais logros que se conseguiron con Auto-BIM, un proxecto de investigación enmarcado no programa Retos-Colaboración 2016, financiado con preto dun millón de euros e posto en marcha por un consorcio liderado pola empresa Vías y construcciones e no que tamén participa o grupo de investigación en Xeotecnoloxías Aplicadas da Universidade de Vigo. A piques de rematar o proxecto –farao o vindeiro mes de marzo- realizouse unha proba piloto xeral do novo sistema na que participaron todos os socios e na que se demostrou a súa valía.

Para levar a cabo esta proba piloto elixiuse un bloque de vivendas en construción na localidade catalá de Badalona e os resultados acadados demostraron que o software deseñado axuda notablemente á redución de tempos e á sistematización e mellora global no replanteo e control de calidade de obras de edificación, informatizando o proceso de seguimento da evolución de obra e detección de desviacións respecto ao planeado, o que se traduce na redución de custes, axilización das obras e mellora da calidade.

“Este proxecto púxose en marcha co obxectivo de crear e validar unha nova metodoloxía para a adquisición, procesado e xestión de datos espaciais tridimensionais en espazos interiores sen cobertura GNSS, o sistema global de navegación por satélite”, explica Lucía Díaz-Vilariño, investigadora do Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas, ao que engade que, finalmente, a adquisición de datos encárgase de realizala un robot móbil autónomo e os resultados obtidos son integrados en modelos de información estandarizados BIM (Building Information Modelling).

Unha app permite a planificación óptima da toma de datos

Dentro do marco deste proxecto, o grupo de investigación en Xeotecnoloxías Aplicadas da Universidade de Vigo foi o encargado de deseñar a aplicación que permite a planificación óptima da toma de datos por parte da unidade robotizada nas distintas fases da obra dun edificio en construción. Pola súa banda, o centro tecnolóxico Aimen encargouse de desenvolver o sistema robotizado autónomo; a empresa Aplitop, como entidade experta en tratamento de nubes de puntos, ocupouse do seu filtrado, aliñamento e referenciación; ApliCAD e o grupo de investigación Tidop da Universidade de Salamanca desenvolveron os algoritmos para a extracción semántica e comparación con modelos BIM e o grupo BAC Engineering Consultancy definiu os criterios de calidade da nube de puntos determinando criterios de aceptación e/ou rexeitamento das xeometrías obtidas co sistema robótico autónomo..

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM