Un terezo das doazóns actuais de leite materno do banco Compostelán son de doantes da área ferrolá

Por o 17/03/2019 | Sección: Sanidad
Un terezo das doazóns actuais de leite materno do banco Compostelán son de doantes da área ferrolá

Un terzo das doazóns actuais de leite materno do banco do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago pertencen a nais da área sanitaria ferrolá. O Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol comezou a colaboración co Banco de Leite do Complexo Santiagués o pasado novembro. A principal vantaxe desta colaboración é que as nais que desexen doar leite materno poden facelo xa no Complexo Ferrolá como centro receptor do leite, sen ter que se desprazar a Santiago de Compostela, como sucedía ata ese momento. Como indica dende Santiago, a matrona, Diana Luque, “o banco de leite comezou a enviar leite materno doada pasteurizada ó Marcide e xa son dez as doantes de Ferrol que en tres meses doaron 60 litros de leite”.

No outro lado deste xeneroso proceso, están os bebés que se benefician, nenos prematuros con menos de 32 semanas ou menos de 1.500 gramos, con patoloxía dixestiva (como as enterocolites), cardiopatías ou asfixias neonatais, por exemplo. No caso ferrolá, son sete os bebés que se teñen beneficiado desa “valiosa doazón”, consumindo en total 12 litros. “Non nos imaxinabamos que recibiriamos máis do que achegamos”, engaden dende o banco de leite santiagués, a matrona Diana Luque, que aplaude a xenerosidade destas nais.

Existen dous Bancos de Leite en Galicia onde se facilita, tramita e procesa o leite materno procedente de doazón, un en Vigo e outro en Santiago de Compostela. Ata a actualidade, cando unha nai da área sanitaria ferrolá quería ser doante de leite materno tiña que se desprazar ó banco de leite santiagués para levar o leite. Na actualidade, grazas a esta colaboración, as nais que opten por este acto altruísta poderán deixar xa o leite no Servizo de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.

Como explicaban o responsable do Servizo de Pediatría, José Luaces González, e a especialista en Pediatría que coordina esta nova actividade, Rosa Romarís Barca, cando se iniciou esta colaboración “o leite doado é a mellor opción despois do leite da propia nai”, e queren subliñar e agradecer o “esforzo que supón para unha nai, que xa dá de comer ó seu fillo, sacar tempo para manter tamén a doazón, que é un sacrificio, un exercicio enorme de altruísmo a ese nivel”. Nese senso, dende o banco santiagués transmiten os parabéns ás nais doadoras, “grazas a tódalas doadoras ferrolás pola súa valiosa contribución, os bebés do norte de Galicia teñen moitos irmáns de leite”.

Beneficios e loxística

Para facer posible este proceso de doazón, que precisa dunhas características e infraestruturas concretas de conservación e trazabilidade, habilitouse un espazo no sala de leite materno onde se almacena; e asignáronse profesionais específicos tanto do ámbito da Pediatría como da Enfermaría, que tiveron que se familiarizar cun programa informático enlazado co Banco santiagués. Se unha nai desexa ser doante só ten que se pór en contacto co Servizo de Pediatría, quen lle informará dos pasos a seguir.

En termos xerais, a nai ten que ter un bo estado de saúde e realízanse unha serie de comprobacións previas, entre elas, por exemplo, unha analítica. Pola súa banda, obteñen maior beneficio do leite materno aqueles bebés que polas súas características precisan da maduración do seu aparello dixestivo. Como xa se dixo, nenos prematuros con menos de 32 semanas ou menos de 1.500 gramos, con patoloxía dixestiva (como as enterocolites), ou con cardiopatías ou asfixias neonatais, por exemplo.

Superada esta primeira fase de establecemento de infraestrutura e persoal asignado, estase a ofrecer información para a posible captación de doantes. Este mesmo mes dedicarase a esta cuestión unha das sesións clínicas xerais habituais para tódolos profesionais da área sanitaria. O Servizo de Pediatría informou tamén ó inicio de todo o proceso ás especialistas en Enfermaría Obstétrico-Xinecolóxica (matronas e matróns), e tamén ós e ás especialistas de pediatría de atención Primaria e á Enfermaría.

Os profesionais inciden novamente na xenerosidade dun acto como a doazón de leite materno, xa que este “non actúa só como elemento nutritivo se non que é clave no proceso de maduración do aparello dixestivo dos máis pequenos”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.