Cuntis e Caldas de Reis convértense grazas ás súas augas curativas nun destino idílico que te achegará a paz que buscas nas túas vacacións. As augas de ambas as vilas, afamadas desde hai séculos, foron visitadas e veneradas polos seus efectos moi positivos para a saúde. Os caudalosos ríos Gallo e Umia crean unha acolledora paraxe, outrora aristocrática, na que sobrevive o espírito nobiliario galego rodeado de frondosas carballeiras e edificacións históricas.
Situado no val do río Gallo, afluente do Umia, o municipio de Cuntis está rodeado de montañas cunha gran masa forestal. Esta contorna favorecerá a calma necesaria para facer desta experiencia unha desconexión total.
A auga mineromedicinal das termas de Cuntis devolverá o benestar físico e mental a calquera persoa que as visite. Os seus tratamentos van desde os máis comúns, como os antiestrés ou os de fisioterapia, ata os máis especializados: fibromialxia, antitabaco, problemas respiratorios, etc.
As súas ofertas contemplan a posibilidade de quedar unhas horas ou varios días e non só tratar temas de saúde senón tamén a opción de realizar unha posta a punto cos seus coidados de beleza e nutrición. Todo iso coa oportunidade de aloxarse nun hotel de catro estrelas con pensión completa, dedicándose en corpo e alma ao repouso.
Na ribeira mesma do río Umia, a localidade de Caldas de Reis convértese nunha parada que convida ao paseo. O pulmón verde do municipio, chamado xardín centenario, con máis de sesenta especies de árbores dos cinco continentes, é só unha das razóns que convidan a vir ata este lugar. Saudar as persoas peregrinas do Camiño de Santiago que atravesan a zona vella reflicte a importancia xeográfica deste municipio, estratexicamente situado na provincia de Pontevedra, con augas termais que non tardarían en orixinar a creación de ambos os balnearios: Davila e Acuña.
O balneario Acuña, do que se ten noticia desde inicios do século XIX, e o balneario Davila, construído a finais do XVIII, cobren un amplo espectro de tratamentos para o público visitante. Moitas son as persoas que se benefician deles para afrontar as últimas dúas etapas cara á catedral de Santiago de Compostela en boa forma e mellor descansadas.
As súas instalacións permiten gozar de todos os servizos sen saír do recinto pero fóra deste poderás coñecer a ponte romana, pasear pola carballeira próxima ao río e visitar o conxunto histórico. É salientable a presenza en Caldas de Reis de dúas igrexas que chamarán a atención de quen as visite: en primeiro lugar, a igrexa dedicada ao santo Tomé Becket, única en Galicia, xa que aquí realizou unha das paradas na súa peregrinación cara a cidade do Apóstolo. Para a súa construción utilizáronse pedras da torre de dona Urraca, onde naceu o rei Afonso VII.
O románico do século XII está presente na segunda das dúas igrexas mencionadas, a de Santa María. A pesar de ser destruída por Almanzor as súas reconstrucións permiten observar as inscricións nos seus muros referentes aos enigmas do Camiño de Santiago, así como recoñecer certa influencia do Mestre Mateo no traballo da pedra dos seus muros.
Sen dúbida unha experiencia que traerá descanso a quen se achegue a estas dúas localidades, imprescindibles nun percorrido termal pola provincia de Pontevedra.
Para máis información:
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.