A Xunta de Galicia vén de publicar a resolución pola que se fai pública a relación de centros seleccionados para participar nos sete programas do Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, eduemprende. Serán un total de 160 os centros de ensino que tomen parte nesta iniciativa neste curso 2020/2021, o que supón unha exitosa participación no marco da covid-19. A relación de centros pode consultarse no Portal Educativo.
Neste sentido cómpre sinalar que, no contexto da covid-19, os programas eduemprende revisáronse e actualizáronse para proporcionar ao alumnado e ao profesorado a posibilidade dunha participación virtual, co obxectivo manter a convocatoria nunha contorna escolar saudable e segura. Nesta adaptación das actividades dos programas cómpre salientar o esforzo e a implicación das empresas e institucións colaboradoras.
eduemprende, é o plan marco de fomento do espírito emprendedor no sistema educativo de Galicia, e establece a estratexia de fomento da cultura emprendedora que a Xunta de Galicia transmite á comunidade educativa. Desenvólveno en colaboración a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, empresa e innovación, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).
A Xunta é consciente da importancia do fomento dunha cultura emprendedora no eido educativo como motor da innovación, da competitividade das nosas empresas, da creación do emprego e do crecemento económico. Neste sentido, colabora de xeito continuado con distintas institucións, organismos e representantes do empresariado galego para a posta en marcha deste plan, que permiten lograr un avance sensible no valor do emprendemento entre o alumnado e profesorado.
Os programas
A convocatoria deste curso incluíu sete programas. Actúa ten como obxectivo achegar a realidade emprendedora ao alumnado coa presenza activa de persoal técnico do IGAPE e de persoas emprendedoras que dean a coñecer ao alumnado a súa experiencia persoal. Vai dirixido a estudantes de segundo curso de ciclos formativos de grao medio e superior das ensinanzas de FP, deportivas ou de artes plásticas e deseño, así como aos de Bacharelato que estean a cursar a materia de Economía.
Pola súa banda, Atrévete ten como finalidade dar a coñecer ao alumnado directamente e a través do profesorado o tecido industrial da súa contorna, en concreto as empresas das diferentes asociacións empresariais colaboradoras, e sensibilizar á comunidade educativa da importancia de construír e fomentar unha nova cultura emprendedora. Este programa vai dirixido a alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria e 1º e 2º de ESO.
Dirixido ao alumnado de 3º e 4º da ESO, Bacharelato e FP, o programa EduTecEmprende consiste na visita a empresas e centros tecnolóxicos galegos, nas que o alumnado terá a oportunidade de entrar en contacto co funcionamento dos mesmos así como con novas técnicas de produción e tecnoloxías intelixentes no seo das industrias 4.0. Tamén poderán coñecer de primeira man a experiencia profesional dos traballadores e traballadoras destes ámbitos.
Implantación de ferramentas de medios de pagamento na FP ten por obxecto fomentar o emprendemento e a educación financeira entre o alumnado de FP de Administración e xestión, e de Comercio e márketing. O programa consiste na entrega dun TPV virtual aos centros que o soliciten, para a xeración de comercios virtuais e para a aprendizaxe do seu funcionamento. Así mesmo, programaranse actividades de formación específicas dirixidas ao alumnado.
Dirixido ao alumnado de 3º e 4º da ESO, 1º e 2º de Bacharelato e FP, Finanzas para mortais ten como finalidade fomentar a cultura financeira no sistema educativo, con actividades como talleres e charlas organizadas impartidas por persoal voluntario dunha entidade bancaria. Así mesmo o alumnado de Formación Profesional de Ciclos de Grao Superior de Administración e Finanzas recibirá a formación necesaria para incorporarse como voluntarios ás devanditas actividades.
Grand prix financeiro ten como obxecto desenvolver actividades e xogos para que o alumnado aprenda, dun xeito activo e en primeira persoa, as primeiras pautas de como adaptarse a un orzamento e a importancia do aforro na vida. O programa vai dirixido a alumnado de 3º a 6º de Educación Primaria.
Pola súa parte, o programa Preparados para o salto dá a coñecer ao alumnado de Bacharelato, FP, Ensinanzas para adultos, Ensinanzas de artes plásticas e deseño e Ensinanzas deportivas ferramentas para xestionar o diñeiro, saber elixir produtos financeiros e coñecer a planificación financeira.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.