A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria dos premios extraordinarios de Bacharelato correspondentes ao curso 2019/2020. Poderán acadar estes galardóns, dotados cada un deles con 1.000 euros, un total de 20 alumnas e alumnos. O alumnado que obteña o premio extraordinario recibirá, ademais, un diploma acreditativo e a distinción será anotada no seu expediente académico. O obxectivo é recoñecer e valorar publicamente os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico estas ensinanzas.
Poderá optar ao premio extraordinario de bacharelato o alumnado que teña rematado os estudos de bacharelato no curso 2019/20 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia, ben na modalidade presencial ou na modalidade a distancia, e ser proposto para título na convocatoria ordinaria do dito curso; e que obtivese unha nota media do bacharelato igual ou superior a 8,75 puntos.
Ademais, as persoas candidatas deberán realizar unha proba estruturada en dúas partes. A primeira delas consistirá nunha análise e comentario crítico dun texto sobre un tema de carácter xeral, histórico, filosófico ou literario, e en responder cuestións de carácter cultural ou lingüístico sobre un texto na Primeira Lingua Estranxeira II cursada polo alumnado como materia xeral do bloque de materias troncais do bacharelato.
A segunda parte consistirá no desenvolvemento de temas, respostas a cuestións ou exercicios prácticos dunha materia xeral do bloque de materias troncais cursada polo alumnado a elixir entre Matemáticas II, Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II, Latín II e Fundamentos da Arte II.
Solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto entre o 23 de xullo e o 24 de agosto. Subscribiranas directamente as persoas interesadas con plena capacidade de obrar ou, se é o caso, os representantes legais das persoas solicitantes.
A presentación será, preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Será imprescindible cubrir previamente os datos na aplicación que se atopa no enderezo https://www.edu.xunta.es/premiosedu, desde onde deberá xerarse o formulario normalizado cuberto cos datos correspondentes.
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.