Un total de 23 explotacións de horta e planta ornamental beneficiáronse de 400.000 euros de achegas para mellorar as súas producións

Trátase da primeira convocatoria específica para estes sectores, que así non teñen que competir con outros máis potentes como o lácteo ou cárnico
Publicado por o día 18/01/2019 na sección de Empresas

Un total de 23 explotacións de horta e planta ornamental beneficiáronse de 400.000 euros de achegas para mellorar as súas producións

A Consellería do Medio Rural vén de resolver as novas axudas para os produtores da horta e planta ornamental polas que se achegarán máis de 400.000 euros a 23 explotacións galegas. Así o trasladou hoxe o conselleiro José González nunha visita á explotación agrícola Terras de Bustelo, en Coristanco, na que estivo acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Agroalimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez.

Esta orde de axudas creouse de xeito diferenciado para este tipo de produtores co obxectivo de que non tivesen que competir con outros sector máis potentes en Galicia. Deste xeito, a consellería conseguiu que este ámbito agrario estivese nas mesmas condicións que outros eidos produtivos como poden ser o lácteo ou o cárnico.

José González sinalou que deste xeito trátase de fomentar a diversificación produtiva no noso agro, de forma que sexamos quen de aproveitar todos os recursos que temos. A horta é un deses eidos, nos que Galicia ten moito potencial.

Neste sentido, cómpre sinalar que podían optar a esta orde producións de hortaliza en invernadoiros, ao aire libre, viveiros, flores, froiteiras, amorodo ou patacas, entre outras. O conselleiro do Medio Rural sinalou que todos estes son subsectores nos que Galicia destaca pola súa calidade, un factor clave para acadar o éxito na comercialización.

En total son 23 expedientes aprobados que realizarán un investimento total de 1,2 millóns de euros. Por provincias, a maioría de expedientes correspóndense coa da Coruña con 12 aprobados e 140.000 euros de axuda. Séguelle Pontevedra con 8 beneficiados e 262.000 euros. Por último, estaría Ourense con 2 expedientes que alcanzan os 25.000 euros en total e Lugo cun único beneficiario de 6.000 euros.

O conselleiro fixo balance destes datos na explotación Terras de Bustelo, que conta con máis de 24 hectáreas destinadas a diferentes cultivos: grelos, verzas, perexil, leituga, repolos, así como pataca ao amparo da IXP.

Ademais, aproveitando a visita a Coristanco, o conselleiro coñeceu tamén a explotación láctea Barreda e a CUMA de maquinaria. Para este tipo de cooperativas a Consellería do Medio Rural destinou o pasado ano un total de 4,8 millóns de euros, que beneficiaron a 63 entidades.