Un total de 25 aspirantes optan a unha das cinco estadías artísticas nos Estados Unidos ofertadas pola Xunta e Fulbright

Os beneficiarios realizarán estudos e investigacións durante o curso 2020-2021 en centros estadounidenses de referencia
Publicado por o día 24/06/2020 na sección de Xunta de Galicia

Un total de 25 aspirantes optan a unha das cinco estadías artísticas nos Estados Unidos ofertadas pola Xunta e Fulbright

Un total de 25 persoas, entre profesionais e estudantes, optan a unha das becas ofertadas pola Xunta de Galicia e a Comisión Fulbright para facer estadías artísticas nos Estados Unidos. Trátase dunha convocatoria que permitirá aos beneficiarios realizar estudos e investigacións en centros estadounidenses de referencia no curso 2020-2021 ao tempo que son embaixadores da cultura e a identidade españolas e galegas e que nestes momentos está en fase de tramitación e valoración.

As prazas convocadas, un máximo de cinco, contemplan a realización de diferentes accións de formación, intercambio e fomento da cultura que se concretan na concesión destas bolsas a candidatos vinculados a Galicia por nacemento, residencia, formación en estudios superiores ou artísticas, ou traxectoria profesional. Ademais, estas bolsas redundarán tanto na mellora da calidade dos traballos das persoas seleccionadas como na súa proxección a nivel galego, estatal e internacional.

A oferta destas becas enmárcase no convenio asinado entre o Goberno galego e Fulbright España. O acordo, que conta cun importe de 140.000 euros para o 2020 e 2021 por parte da Xunta de Galicia, é o primeiro subscrito por unha comunidade autónoma neste ámbito e permitirá cubrir os gastos de viaxe, manutención do bolseiro, gastos de proxecto, de matrícula e taxas obrigatorias que poidan existir, así como gastos de xestión.

Pola súa banda, a Comisión Fulbright colaborará economicamente cunha aportación de 50.000 euros correspondente a gastos de cobertura médica e de accidentes dos bolseiros durante a súa estancia, e complementará os gastos achegados pola Xunta no caso de que o gasto anual finalmente realizado supere á cantidade achegada. Así mesmo, serán os encargados de preparar e xestionar a convocatoria e o proceso de selección, actualmente en marcha, dos bolseiros. Neste marco, nos vindeiros días os solicitantes deberán completar a documentación para que, no mes de xullo, se comecen a realizar as entrevistas que se farán de xeito telemático e coa presenza de avaliadores especializados nas temáticas dos proxectos e con un comité interdisciplinar.

Os finalistas contarán con sesións de orientación en España e cunha rede de apoio nos Estados Unidos e poderán participar en seminarios culturais e científicos organizados por Fulbright. Ademais, unha vez rematada a súa estadía, formarán parte da rede de antigos alumnos Fulbright do U.S. Department of State.

Comentar noticia

Your email address will not be published.