Un total de 5 empresas veñen de presentar as súas ofertas para executar as obras de eliminación do treito de concentración de accidentes na estrada autonómica PO-551, en Domaio, no concello de Moaña.
O proxecto, cun investimento autonómico de máis de 490.000 euros, permitirá actuar no treito comprendido entre os puntos quilométricos 27+760, no paso de peóns da travesía de Meira á altura do centro de saúde, e no 32+670, na intersección coa vía provincial EP-1103, á saída de Domaio.
Os traballos previstos centraranse na mellora de interseccións, como a da área recreativa da Cerradiña ou a do porto de Domaio, na que se executará una glorieta. Esta última permitirá os xiros en condicións seguras nese punto e contribuirá ao calmado do tráfico.
Tamén se acondicionarán os pasos de peóns, con sinalización intelixente para facilitar a súa percepción. Así, instalaranse sinais verticais luminosos e puntos de luz específicos para o seu alumeado con detectores de presenza de peóns. Ademais, limitarase o aparcamento nos 10 metros anteriores para aumentar a súa visibilidade.
O proxecto contempla a construción de dous novos pasos de peóns, un no punto quilométrico 29+225, xunto á parada de bus, e outro no 29+540, para o cruzamento dunha futura senda. As obras tamén mellorarán o paso de peóns da travesía de Meira, fronte ao centro de saúde.
Renovaranse as barreiras de seguridade e reporanse algúns sinais verticais, que serán substituídos por outros de maior reflectancia co fin de facilitar a percepción da estrada en horario nocturno. Tamén se colocarán bandas transversais de alerta á entrada da travesía de Domaio desde Rande.
Achegas incorporadas ao proxecto
A Xunta, tras a análise das alegacións presentadas, incorporou no proxecto a posibilidade de xirar á esquerda no punto quilométrico 31+630 desde a estrada PO-551 para acceder á estrada provincial EP-1103.
Ademais, na contorna da nova glorieta proxectada no punto quilométrico 31+580, ampliarase o ancho da beirarrúa anexa á edificación existente na marxe dereita.
Durante a execución da obra e de acordo cos criterios de funcionamento da estrada, determinarase o punto exacto máis axeitado para situar o cruzamento peonil no punto quilométrico 31+920.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.