A partir de hoxe está prevista a incorporación na área sanitaria de Vigo de persoal que obtivo praza nos centros sanitarios da EOXI de Vigo por mor das oposicións convocadas polo Servizo Galego de Saúde. O pasado 14 de xaneiro publicáronse os destinos definitivos no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Así, o cadro de persoal fixo da área sanitaria viguesa verase incrementado con 63 profesionais con vinculo fixo coa EOXI de Vigo. Deles, 47 son médicos especialistas, 6 odontólogos de atención primaria, 1 pediatra de atención primaria, 4 traballadores sociais, 3 técnicos de prevención e 2 informáticos e teñen elixido Vigo como destino profesional. Os 47 profesionais médicos teñen praza fixa en 16 especialidades distintas como Anestesia e Reanimación, Cardioloxía, Farmacia, Oftalmoloxía, Cirurxía, Hematoloxía, Medicina Nuclear, Microbioloxía, Xinecoloxía e outras; deles, 9 son especialistas en categoría de médicos de urxencias.
Moitos destes especialistas (31) xa prestaban servizos na EOXI de Vigo con vínculos temporais, consolidando o seu destino en Vigo. Os restantes profesionais proveñen de diversas áreas.
69% de facultativos fixos no Chuvi
No momento actual, o Complexo Hospitalario de Vigo ten unha dotación en cadro de persoal facultativo de 793 profesionais; deles, 501 son propietarios tras ter superadas as oposicións correspondentes. Con estas novas incorporacións, a cifra de propietarios ascende a 548; isto é, o 69% do cadro de persoal.
En canto aos odontólogos, a EOXI de Vigo dispón de 21 prazas de odontólogos, sendo persoal fixo 12 deles. Coa incorporación de 6 odontólogos máis, serán 18 profesionais con praza fixa, o que supón que o 86% do cadro de persoal nesta categoría é propietario. Os novos médicos con praza fixa se incorporarán no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo e os odontólogos nos centros de saúde de Porriño (2 profesionais), Redondela, Teis,Tui e Val Miñor.
A xerencia dálles hoxe a benvida, xa que a maior parte do persoal incorporarase hoxe aos centros como persoal fixo do Servizo Galego de Saúde.
Noticias de última hora en Vigo