Elaborar unha serie de vídeos que achegasen recomendacións para facer fronte á desinformación e ás fake news era o obxectivo central do proxecto de aprendizaxe-servizo Dixitais. Laboratorio cidadán para a competencia dixital e mediática, que, baixo a coordinación do profesor Alberto Dafonte, máis de 60 estudantes do grao en Publicidade e Relacións Públicas desenvolveron ao longo do segundo cuadrimestre. Entre os obxectivos do proxecto, que contou coa colaboración do banco de tempo A Redeira e que continuou desenvolvéndose a pesares da suspensión da actividade docente presencial, non figuraba a difusión das diferentes pezas nas plataformas dixitais. Mais, tendo en conta que o propósito do proxecto era elaborar pezas que axudasen a facer fronte ás informacións falsas que se difunden a través de internet, boa parte dos once grupos participantes optaron por difundir as súas creacións, dando lugar a casos como un dos vídeos elaborados para TikTok polo grupo que centrou o seu traballo nos falsos mitos arredor do sexo, súmase, en poucos días, máis de 60.000 visualizacións e máis de 10.000 ‘gústame’ nesta rede social.
“Sorprendeunos que en tan pouco tempo chegara a tanta xente”, recoñece Ángela Castro, autora dunha peza que, dun xeito ameno, buscaba combater o “mito” de que o preservativo masculino pode molestar ou ser incómodo, amosando como é posible poñelo como un calcetín e mover despois o pé sen dificultade. “O que pretendíamos facer é causar un impacto e, sobre todo, que se puidese aprender algo do vídeo”, recoñece Castro que explica que, a pesares de que acaba de crear a súa conta nesta aplicación e carecía de seguidores, “ás dúas horas de subilo xa alcanzara as 50.000 visitas”. Mais, pouco despois, o vídeo foi borrado pola plataforma por un incumprimento das normas da comunidade, o que acontecería de novo dúas veces máis, ata que finalmente a alumna contactou directamente con TikTok para explicarlles que “se trataba dun vídeo cun contido educativo, e xa foron eles os que publicaron de novo” unha peza que, a día de hoxe acumula preto de 70.000 visualizacións.
Xunto a Castro, Manuel Caamaño, Paula Crespí, Julia Cruces e Andrea González integraban un grupo que decidiu centrar o seu traballo no público adolescente, optando con esa idea por unha rede “que está crecendo constantemente e que é moi utilizada pola xente nova”. Nese senso González, pon en valor como este proxecto lles permitiu “ser conscientes da importancia das redes sociais, que impactan moito máis do que cremos nas persoas, pero que tamén poden servir para outras cousas, máis aló de combater fotos ou vídeos”, e que poden constituír “unha moi boa plataforma para compartir coñecementos”.
Un proxecto participativo marcado pola covid-19
Seleccionado na convocatoria de proxectos de aprendizaxe-servizo impulsada pola Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación para o presente curso, nesta iniciativa participaron 63 estudantes da materia Teoría e práctica da comunicación televisiva. Co propósito de que creasen vídeos orientados a públicos concretos en contacto con persoas pertencentes ás franxas de idade ou colectivos aos que se dirixirían, o proxecto contaba coa implicación de A Redeira. Mais a crise sanitaria da covid-19 obrigou a mudar, recoñece Dafonte, “non tanto o resultado final”, pero si os procesos de traballo “que foron un pouco menos participativos do previsto”. Pese a todo, varios dos grupos puideron manter unha xuntanza coas coordinadoras da Redeira, que posteriormente puxeron en contacto aos estudantes con expertos ou profesionais relacionados cos seus ámbitos de traballo.
Nese senso, houbo grupos que “abordaron a cuestión da desinformación en xeral, desde a perspectiva de cal é a problemática e que debes facer para evitala”, relata Dafonte, mentres que outros se centraron en “cuestións máis concretas”. Nalgúns casos puxeron o foco nos “boatos alimenticios, relacionados con dietas e nutrición”, mentres outros traballaron sobre mitos e informacións falsas relacionadas coa orientación sexual e identidade de xénero. Entre os vídeos, que o alumnado tivo que realizar desde as súas casas, figuran tamén traballos “sobre a Sida e as ideas preconcibidas e prexuízos que poden existir” ou centrados en desmentir informacións falsas relacionadas coa saúde e a crise da covid-19 difundidas por influencers. A maioría optaron, así mesmo, por crear unha serie de vídeos breves, en formato vertical, pensados para redes como TikTok ou Instagram, aínda que tamén houbo grupos que realizaron un vídeo máis extenso, xa en horizontal que podería empregarse en redes como Facebook ou Youtube. “Moitos deles souberon aproveitar moi ben os recursos narrativos propios das redes que escolleron”, salienta Dafonte, que valora tamén o que esta iniciativa supuxo para o alumnado á hora de aprender a diferenciar información veraz de boatos, como varios dos grupos sinalaron nas memorias finais dos seus proxectos.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.