Un traballo sobre a transformación dixital na comunicación empresarial faise co primeiro premio Isaac Díaz Pardo

A convocatoria do Colexio de Economistas premia os mellores TFG de centros de Vigo
Publicado por o día 14/05/2018 na sección de Universidade de Vigo

Un traballo sobre a transformación dixital na comunicación empresarial faise co primeiro premio Isaac Díaz Pardo

Cristina Llantada Peixoto, alumna do Grao en Comercio da Escola Universitaria de Estudos Empresariais da Universidade de Vigo acadou co seu traballo fin de grao o primeiro premio Isaac Díaz Pardo, creado polo Colexio de Economistas de Pontevedra co obxectivo de galardoar os mellores TFG realizados dos centros de economía e empresa da provincia de Pontevedra.La empresa del siglo XXI. Transformación digital en la comunicación empresarial é o título do traballo gañador do primeiro premio da primeira edición dos galardóns, “que permiten estimular a realización de traballos fin de grao de calidade e con forte aplicabilidade práctica, á vez que visibiliza a importancia do TFG para o alumnado”, explica Santiago Gómez Fraiz, decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo.

No acto de entrega dos galardóns, celebrado o pasado venres na facultade e no que a secretaria de Estado de Economía y Apoyo a la Empresas, Irene Garrido, ofreceu un relatorio titulado Perspectivas de la economía española, entregáronse un total de sete galardóns a outros tantos traballos presentados, que se corresponden cos de mellor cualificación do alumnado da FCEE, a Escola Universitaria de Estudos Empresariais e Ieside. “O xurado acordou que o criterio fundamental a empregar para seleccionar os gañadores fose o de aplicabilidade e utilidade para a práctica profesional. Iso fixo que algúns traballos se descolgasen dos postos de cabeza a pesar da súa calidade académica”, sinala Gómez Fraiz.

Do estudo de Hifas da Terra ao da ley de Benford e a fraude fiscal

O traballo titulado Hifas da Terra da graduada en ADE de Ieside María Cifuentes Aguiar, obtivo o segundo premio e Análisis macroeconómico de las crisis a través del mercado del petróleo. Modelos IS/LM da graduada en Comercio da EU de Estudos Empresariais Nerea Leyenda Barreiro, fíxose co terceiro premio. Marta García Rodríguez e David Fernández Alonso da FCEE con Cambio sectorial, polución e doble dividendo de la imposición ambiental e Análisis de la competencia en el sector de carburantes de automoción, respectivamente, acadaron o cuarto e o quinto premio, mentres que Marta Alonso Vicente de Ieside con Ringo Snacks, S. L e Alberto Bastos Francisco da FCEE co traballo titulado La ley de Benford y el fraude fiscal, gañaron o sexto e sétimo premio, respectivamente.

Os galardóns foron entregados por Irene Garrido e Juan José Santamaría Conde, decano –presidente do Colexio de Economistas de Pontevedra.