Unha actuación nun quilómetro da rede de saneamento na estrada Porriño-Gondomar elimina filtracións que afectaban ao firme e á urbanización de San Rafael

A inversión realizada na obra ascendeu a 45.000 euros
Publicado por o día 04/04/2017 na sección de Galicia,Mos,Vigo

Unha actuación nun quilómetro da rede de saneamento na estrada Porriño-Gondomar elimina filtracións que afectaban ao firme e á urbanización de San Rafael

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a presidenta do Consorcio de Augas do Louro e alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, a xerente do Consorcio e os concelleiros mosenses Kely Monzón e Camilo Augusto visitaron esta mañá as obras xa rematadas de actuación nun quilómetro da rede de saneamento que transcorre pola estrada PO-331 Porriño-Gondomar á altura da zona de San Rafael en Pereiras.

Para a realización dos traballos foi necesaria a reposición de 150 metros de tubería, xa que había tramos que se atopaban en malas condicións e polos que se producían filtracións. A inversión realizada nesta obra, acometida conxuntamente entre o Consorcio de Augas do Louro e a Axencia Galega de Infraestruturas, ascendeu a 45.000 euros.

Grazas a estas melloras na rede de saneamento logrouse eliminar os verquidos anteriormente mencionados, asegurar a conexión das vivendas da urbanización de San Rafael co colector xeral de saneamento e, de paso, mellorouse tamén o firme. E é que debido ao mal estado de certos tramos de tubería estábanse producindo as devanditas filtracións no subsolo que afectaban á urbanización e ao asfaltado da estrada.

Cómpre destacar a tecnoloxía empregada para detectar estas filtracións, dotada dun robot cunha cámara incorporada que se introduce no interior das tuberías e vai detectando todas as posibles averías, fugas, etc.

Representantes municipais e do Consorcio destacaron hoxe a importancia destes traballos para manter en óptimas condicións un servizo tan vital e relevante para a cidadanía como é o do saneamento.

Fotos